Monday 25 de November de 2024

A Premio Raíña Sofía de Poesía Gioconda Belli recitará xunto á feminista Andrea Nunes no Poetas Di(n)versos de decembro


Esta última sesión do ano será o luns 4 no Ágora, con entrada libre ata completar capacidade

A programación poética do Concello da Coruña abre o mes do Nadal. A última sesión deste ano de Poetas Di(n)versos será o vindeiro luns 4, coma sempre ás 20.00 horas no Centro Ágora, nun acto aberto e gratuíto de arredor dunha hora de duración, que será conducido pola fundadora e Premio Nacional de Poesía 2023 Yolanda Castaño, na que é xa a súa décimo quinta edición e que continuará en 2024.

Un luns ao mes a mellor poesía de Galicia dáse a man con poéticas de todo o mundo, nun recital dobre no que os versos orixinais son recitados na voz dos seus propios autores e autoras (seguidos de traducións no caso dos idiomas estranxeiros).

Por unha banda, chegada dende Nicaragua, recitará os seus poemas a multipremiada Gioconda Belli. Por outra, a poeta de Marín Andrea Nunes deleitará ás persoas asistentes coa súa obra na nosa lingua. Coma sempre, unha libraría de proximidade facilitará que as lectoras e os lectores que acudan a este auditorio consigan exemplares asinados por elas.

Dúas autoras dun lado e o outro do océano. Andrea Nunes chega dende o sur da nosa comunidade cos seus versos xa traducidos ao italiano, o catalán, o inglés, o vasco ou o eslovaco. Gioconda Belli naceu en Managua e é poeta e novelista. A súa obra tamén foi traducida a máis de vinte idiomas e é lida por miles de persoas en todo o mundo.

Andrea Nunes vinculou dende os seus comezos a actividade poética ao activismo feminista contra varias formas de opresión. Os seus versos foron publicados en numerosas revistas, xornais e libros colectivos. ‘Corrente de esquecemento’ (2007) foi o primeiro dos seus libros.

O segundo, ‘Todas as mulleres que fun’ (2011), foi finalista nos premios AELG. Escribe, conxuntamente con María Rosendo, ‘Diáspora do amor balea’, que gañou o XII premio de poesía erótica Illas Sisargas no 2017. O seu último libro é unha antoloxía bilingüe galegocastelán que leva o título de ‘Esta disidencia que habitamos’. Foi profesora en diferentes universidades na China ou Italia e imparte obradoiros de escritura creativa, sobre diversidade e inclusividade. Actualmente é profesora no ensino secundario en Santiago de Compostela.

Gioconda Belli participou dende moi nova no movemento revolucionario que derrocou a Anastasio Somoza en 1979. Ocupou posicións importantes no goberno e o partido sandinista.
En 1978 gañou o premio Casa de las Américas en Cuba polo seu poemario ‘Línea de fuego’ e o premio á mellor novela política do ano en Alemaña por ‘La mujer habitada’. Este foi o comezo dunha traxectoria chea de galardóns e premios por novelas como ‘El infinito en la palma de la mano’ ou ‘El país de las mujeres’. Mais Gioconda destaca tamén pola súa faceta como poeta, merecedora dos premios Generación del 27, Ciudad de Melilla, o premio Internacional de Poesía Jaime Gil de Biedma ou o premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana que gañou este mesmo ano 2023. Entre a súa obra lírica destacan títulos como o xa citado ‘Línea de fuego’, ‘Apogeo’ ou ‘Una mujer furiosamente piel’.

Poetas di(n)versos retransmítese tamén en directo por streaming a través da súa canle de YouTube e continuará no ano que vén cunha cita mensual ata xuño.