Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Trazo consegue incluír no PAS 2015 un investimento de 60.000 euros para arranxar o centro social de Restande


O PSOE pediu información sobre os ingresos que ten o Concello polo aluguer do espazo na contorna da capela de San Mateo (Vilouchada) onde se instalan as cantinas, os pulpeiros e os xogos nas festas

A Agrupación Socialista de Trazo conseguíu incluir no Plan de Acción Social 2015 da Deputación da Coruña a súa proposta de arranxar os centros sociais do municipio, en especial o de Restande. A voceira municipal, Beatriz Domínguez, indica que “o centro social de Restande está en moi mal estado e precisa melloras na fachada, no seu interior, na cuberta e na súa contorna, polo que celebramos que se vaian investir 60.340 euros neste proxecto, así como outros 185.000 euros no acondicionamento dos centros sociais de Morlán e A Brea”.

Os socialistas presentaran o pasado 27 de outubro a súa proposta de actuacións necesarias para as convocatorias do PAS 2015 e do Plan de Obras e Servizos (POS 2016) da Deputación da Coruña. Ademais dos arranxos nos locais sociais, o PSOE de Trazo tamén conseguíu a inclusión dunha obra no POS 2016: o acondicionamento e mellora da estrada de Cerqueira a Ponte, en Chaián. Así mesmo, “celebramos especialmente que por primeira vez o señor Dafonte nos fixera caso e destinase todos os cartos a obras e non a gasto corrente, pois practicamente son as únicas inversións que se fan en Trazo ao longo de todo o ano”, indicou Beatriz Domínguez.

O grupo municipal socialista aproveitou a sesión plenaria para solicitarlle ao alcalde que explique cantos cartos ingresa o Concello polo aluguer dos terreos a cantinas, pulpeiros e xogos durante as festas de San Mateo de Vilouchada, así como os criterios que utiliza para adxudicar ese espazo na contorna da capela de San Mateo e o número de empresas que se convida á poxa.