Sunday 24 de November de 2024

Saen a licitación as obras para renovar a pasarela de madeira que conecta as rúas Fonte Grande e Horta por riba do río Mesoiro


Os traballos suporán un investimento de máis de 128.000 euros, que será cofinanciado polo Concello e a Deputación a través do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais

O Concello da Coruña vén de licitar as obras de renovación da pasarela de madeira existente sobre o río Mesoiro, que forma parte do itinerario peonil que conecta a rúa Fonte Grande coa Rúa Horta.

A actual pasarela será substituída por unha completamente nova, que terá sete metros de lonxitude, 2,5 metros de ancho e atenderá a normativa vixente en termos de accesibilidade. Indo ao detalle, isto suporá a disposición dun pavimento de tarima antideslizante, así como a instalación de pasamá.ns formado por apliques de inox, adaptados a persoas con mobilidade reducida.

No contexto da intervención tamén se inclúe a adecuación do leito do río Mesoiro neste mesmo enclave, mediante o perfilado das ribadas e a rectificación do leito, xa que na actualidade sofre unha desviación provocada por un muro de peche dunha parcela privada. Mitigarase, así, o risco de inundación na contorna.

En paralelo, tamén se acometerán melloras na rede de saneamento adxacente ás zonas de actuación, substituíndo os antigos colectores por novas tubaxes feitas en PVC, o que reforzará a seguridade ante posibles fugas.

O orzamento previsto no plan de obra é de 128.804,21 euros. Toda vez se adxudiquen os traballos, estímase un prazo de execución de catro meses. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dará resposta a unha das principais solicitudes da Asociación de Veciños de MesoiroVío-Xunqueiras Unha intervención cofinanciada entre Concello e Deputación, a través do POS

Os traballos na pasarela de madeira lévanse a cabo baixo un formato de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS).

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local corroborou en marzo desteano a participación do Concello na primeira fase da convocatoria do POS, co obxectivo de cofinanciar traballos de mellora que tamén se estenderán ao núcleo de Eirís de Abaixo.
Xa a finais de setembro, tamén en Xunta de Goberno Local, o Goberno de Inés Rey deu luz verde a solicitar na segunda fase da convocatoria unha achega de 175.626,48 euros para posibilitar a execución de diversas melloras na rede de pluviais da rúa Félix Rodríguez de la Fuente, na Urbanización Breogán.