Friday 22 de November de 2024

O deporte de Miño vístese de gala nos ‘II Premios do Deporte’


● O local social A Rúa acolleu hoxe a entrega de premios das diferentes categorías deste certame, que busca recoñecer o mérito de todos os deportistas e entidades do municipio.

● Manuel Vázquez Faraldo, o concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín, e a atleta Rosa Sierra foron os encargados de entregar os galardóns.

O local social A Rúa foi hoxe, venres 1 de decembro, o epicentro do deporte de Miño, que viviu a súa xornada de festa nos ‘II Premios do Deporte’, organizados polo Concello para recoñecer anualmente a aqueles/as deportistas, equipos, asociacións e clubs do municipio, e mesmo adestradores ou directivos, que traballaron de forma destacada a favor da promoción do deporte en cada tempada.

O fenomenal ambiente vivido na gala, que contou coa asistencia de deportistas e familiares así como representantes das entidades deportivas do municipio, reafirma a aposta iniciada o ano pasado polo goberno local, que ten a intención de darlle continuidade a este certame nos próximos anos.
A finalidade dos Premios do Deporte de Miño é poñer en valor os méritos e capacidades de persoas e entidades deportivas que contribuíron a potenciar a práctica deportiva no municipio ou alcanzaron éxitos en competicións e campionatos.

Os premiados foron:
1. Mellor equipo masculino: AD Miño, categoría sénior.
2. Mellor equipo feminino: kaiak de mar CDN Miño.
3. Mellor deportista promesa: Candela Aboy Fernández.
4. Mellor deportista masculino: Juan Vázquez Amado.
5. Mellor deportista feminina: Noa Calvo Enríquez.
6. Á traxectoria deportiva: Sebastián Gómez Domínguez.
7. Mellor adestrador: Roberto García Mellid.
8. Mellor evento deportivo: IV Regata de Kaiak de Mar Concello de Miño.
9. Deportividade e valores deportivos: deportistas e familias do CDN Miño.
10. Mellor club: AD Miño.
11. Mencións especiais: Fernando Canedo Martínez, Emma Seijas Otero e Asociación Deportiva Xarío.
Os encargados de entregar os galardóns foron o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, o concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín e a atleta Rosa Sierra.
Na súa intervención, Faraldo deu o parabén a todos os premiados e destacou que “este acto demostra que Miño e o deporte van unidos”. “Temos un gran nivel de deportistas e de clubs, teño que recoñecer que é moi compricado escoller a un só en cada categoría e iso é algo moi positivo”, afirmou.