Friday 22 de November de 2024

A implantación do sistema de notificacións telemáticas Lexnet permitirá á xustiza galega garantir o uso de comunicacións sen papel entre os profesionais e administracións desde o 1 de xaneiro


O director xeral de Xustiza inaugurou en Vigo as IV Xornadas sobre cuestións prácticas de dereito procesual civil

Galicia afronta 2016 como unha das poucas comunidades autónomas capaces de cumprir co previsto na reforma da Lei de Axuizamento Civil (LAC): garantir desde o 1 de xaneiro o uso cero de papel na xustiza por parte dos profesionais e as administracións.

Este importante paso cara á modernización da xustiza galega será posible logo da implantación das notificacións por parte dos xulgados e apresentación telemática de demandas e escritos polos profesionais da xustiza (procuradores, avogados, graduados sociais, administracións públicas) a través de Lexnet.

Segundo destacou hoxe durante a inauguración das IV Xornadas sobre cuestións prácticas de dereito procesual civil o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, desde o inicio da experiencia fai un ano téñense presentado de xeito telemático na nosa comunidade autónoma máis de 30.000 demandas e 250.000 escritos, e desde o ano 2009 en Galicia realizáronse polos órganos xudiciais galegos máis de 16 millóns de notificacións.

Estas xornadas desenvolveranse hoxe e mañá no Club Financeiro de Vigo, e están organizadas pola Universidade de Vigo e o Colexio de Avogados.

Martín Álvarez explicou que, dentro do novo Plan Senda 2020 –o II Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia- a plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial Lexnet consolidarase como a canle de comunicación entre todos os profesionais do eido xudicial e recordou que o emprego dos medios e dos sistemas telemáticos existentes na Administración de xustiza para a presentación de escritos, documentos e a realización de actos de comunicación procesual é unha obriga para os profesionais e os órganos xudiciais (e fiscais) prevista na Lei 18/2011, e reiterada expresamente pola Lei 42/2015 de reforma da LAC.

O director xeral lembrou que un dos obxectivos do Plan Senda 2020, cun investimento previsto de máis de 26 millóns de euros para os próximos cinco anos, é a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico, que permitirá a tramitación completa dun procedemento por medios telemáticos.

Ademais, tamén inclúe a posta en marcha da sede xudicial electrónica como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos dixitais do ámbito xudicial: a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, taboleiro de edictos, notificacións electrónicas, poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais en que se é parte.

Infraestruturas xudiciais
Juan José Martín tamén indicou que dentro do Plan de Infraestruturas Xudiciais a Xunta ten planificada a obra da cidade da Xustiza de Vigo, que contará con máis de 18.000 metros cadrados construídos sobre unha parcela de máis de 10.000 metros cadrados, con espazo suficiente para solventar as necesidades de infraestruturas xudiciais para a cidade para os vindeiros anos. Sobre este asunto o director xeral destacou que a Xunta ten reservados nos seus orzamentos para os vindeiros anos máis de 24 millóns de euros para este novo edificio xudicial, pero que o inicio do proceso só espera pola posta a disposición dos terreos que debe ceder o Concello de Vigo.