Friday 22 de November de 2024

O PP e PSOE de Laxe votan a favor da aprobación do Plan Parcial


• No pleno celebrado este xoves, aprobáronse os seis puntos da orde do día e presentáronse 2 mocións

• PP e BNG chegaron a un acordo para retirar as súas respectivas mocións sobre o 25N e crear unha consensuada entre ambos grupos

O Concello de Laxe celebrou no día de onte unha sesión plenaria ordinaria, na que se trataron seis puntos e catro mocións, das que unha foi presentada polo Partido Popular, outra polo BNG e dúas por Unidas Podemos.

O primeiro punto de aprobación dos borradores da acta da sesión anterior foi aprobado por unanimidade; aprobouse tamén a convalidación da omisión da función interventora no relativo ao recoñecemento e pago de facturas, cos votos a favor do PP e a abstención do BNG, Unidas Podemos e PSOE.

PP e PSOE votaron a favor da aprobación da terminación convencional do procedemento contencioso administrativo contra a aprobación definitiva do Plan Parcial. BNG e Unidas Podemos mostraron a súa negativa ante este punto.

Por último, aprobouse a retribución de VIAQUA para este 2023 cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e a abstención de Unidas Podemos.

No referente ás mocións, as presentadas polo PP e BNG con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, foron retiradas tras chegar a consenso para presentar unha conxunta con todos os partidos políticos.

Sobre este punto, o alcalde, José Luis Pérez Añón, quixo destacar que “contra a violencia o máis importante é traballar xuntos e xuntas”, mostrando, así, o seu compromiso a consensuar cos demais partidos todas as cuestións relativas a este tema “é unha cuestión na que non teñen cabida as perspectivas partidistas, senón na que debemos traballar de maneira conxunta”.

Unidas Podemos levou a pleno dúas mocións. A primeira, presentada para a intervención da propiedade abandonada por parte da SAREB na rúa Rosalía de Castro, número 30, contou cos votos a favor de BNG, PSOE e Unidas Podemos. O rexedor quixo subliñar que o voto en contra é debido a que “o inmoble ten agora novos propietarios e o técnico municipal está revisando toda a documentación do anterior proxecto para manter unha reunión con eles e, así, avaliar a mellor maneira de solucionar a situación”.

A última moción de Unidas Podemos obre o incremento do arborado municipal, contou co apoio de BNG, PSOE e Unidas Podemos. O PP manifestou o seu voto en contra, ao que o alcalde subliñou que “compartimos, por suposto, a preocupación polo medio ambiente e pola xestión medioambiental do noso municipio, pero consideramos que isto precisa dun estudo detallado que nos permita tomar unha decisión máis axeitada sobre cales son as medidas que debemos tomar”.