Friday 22 de November de 2024

Ortigueira busca voluntarios para acompañar aos maiores en Nadal


• O Concello lanza o programa ‘Compañía de Nadal – Conectando Xeracións nas Xanelas de Nadal’ para loitar contra a soidade non desexada das persoas da terceira idade

• A iniciativa trata de captar xente interesada en colaborar para que os maiores que o desexen acudan ás presentacións das Xanelas de Nadal e así poidan socializar

O Concello de Ortigueira busca voluntarios para acabar coa soidade dos maiores durante o Nadal. Precisamente por iso, a área de Servizo Sociais pon en marcha desde hoxe venres o programa ‘Compañía de Nadal – Conectando Xeración nas Xanelas de Nadal’.
Deste xeito, Ortigueira pretende tanto captar veciños e veciñas que de maneira altruísta queiran exercer de ‘guías’ dos maiores, pero tamén persoas da terceira idade que desexen reducir a súa soidade e illamento. Todo aproveitando o marco do Nadal e a proposta social das Xanelas de Nadal. Durante 12 días, desde o martes 5 ata ao venres 22, diferentes fogares e establecementos do municipio convidan os orteganos e orteganas á ‘estrea’ da súa decoración do Nadal. Precisamente esta invitación é a escusa ideal para sacar de casa aos maiores e permitir que socialicen.
Así, en función das solicitudes recibidas, o persoal de Servizos Sociais emparellará aos voluntarios cos maiores en función da proximidade xeográfica, “promovendo un sentido de proximidade e apoio mutuo”.
Todas as persoas interesadas en participar, xa sexa como voluntarias ou beneficiarias do servizo, poden inscribirse chamando ao 666234966 ou ao 981402542, enviando un correo electrónico a serviciossociales@concellodeortigueira.com ou ben cumprimentando un dos dous formularios en liña: o de maiores e o de voluntarios. As inscricións pódense realizar ata o 22 de decembro.
Esta iniciativa englobada dentro do innovador plan piloto ‘Loitando contra a soidade’, no que o ortigueirés é, xunto a Vimianzo e Muros, un dos tres municipios que participa. Con este primeiro plan, o Concello de Ortigueira fai un “esforzo por asegurar o benestar emocional e a integración social dos maiores”.