Unha nova acción súmase á campaña pobrense Consegue Caramiñas, Comparte Nadal. A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, explica que, se días atrás se presentaba a cuarta edición do concurso de embelecemento de balcóns e fachadas de domicilios, neste ano apóstase tamén por un certame de escaparatismo destinado aos negocios da localidade.
En palabras da edil, esta iniciativa busca “a implicación do comercio e establecementos da localidade para incrementa-lo engalamento das vías públicas nesta época festiva.” Para contribuír a acadar tal fin e incentiva-la súa participación, o Concello tamén fixo entrega de arredor de 200 árbores para a colocación á entrada dos locais e unha vintena de grilandas para aqueles a pé de beirarrúas estreitas co obxectivo de que os decoren ao seu gusto. Cerecedo indica, ademais, que no 5 de novembro se desenvolveu un taller vermú de decoración e attrezzo que contou coa participación de máis de vinte representantes dos sectores da hostalaría e do comercio.
Establécense tres premios: un primeiro consistente na realización de 6 escaparates profesionais durante un ano a cargo dunha técnica de márketing visual; un segundo dotado de 4; e un terceiro con 2.
Para tomar parte desta actividade, deberán cubri-lo formulario online https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfLhCcb7-XdQnaGP5GJN4MCJI2a6VrtSZxjcTIzYz1L4W4gBw/viewform entre os días 1 e 8 de decembro. Logo de ornamentados os escaparates, deberanse remitir dúas fotografías ao enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com antes do día 11. A decoración deberá permanecer ata o día 1 de xaneiro, data inclusive.
As bases completas están dispoñibles na web municipal.