O concelleiro de educación cabanés propuxo cubrir a vacante recortada no CEIP Eladia Mariño polo Consellaría de Educación cunha “subvención da Deputación ou da Xunta”
O BNG de Cabanas solicita “o cese inmediato” do concelleiro de educación do goberno municipal, Joel Ares (PP), tras as súas declaracións no pleno ordinario do pasado mércores, nas que asegurou que estiveron a buscar “unha subvención da Deputación ou da Xunta” para reverter os recortes de persoal que a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza vén realizando no CEIP Eladia Mariño, denunciados tanto polo BNG como pola ANPA O Castiñeiro e a dirección do centro educativo.
Consideran no BNG que as declaracións do concelleiro de educación -que ademais é representante do Concello de Cabanas no Consello Escolar- no pleno, e que foron reafirmadas polo alcalde, Fernando Couce (PP), demostran que “temos un equipo e goberno que nin sabe como funciona un colexio nin o sistema educativo, e que está claramente falto de preparación, disposición e capacidade para gobernar o noso concello”.
“Resulta esperpéntico que ante os recortes do profesorado e a falta de cobertura das baixas que o PP está a aplicar desde a Consellaría de Educación no CEIP Eladia Mariño, e que se veñen denunciando desde o mes de agosto, o goberno municipal non tivera tempo de dirixirse a esta Consellaría nin a inspección educativa, e prefira perder o tempo con ocorrencias que non van a ningún sitio”, critica o BNG.
“A gravidade do acontecido no pleno, ao que se suma a pasividade nestes tres meses para permitir os recortes no CEIP Eladia Mariño que afectan a máis dun cento de familias, lévanos a pedir o cese con carácter inmediato do concelleiro de educación” apuntan desde o BNG, desde onde tamén fan un chamamento á reflexión “dos responsábeis de que este sexa o equipo de goberno que ten Cabanas”. “Merecemos un goberno mellor”, conclúe o BNG no seu comunicado.
Vídeo do punto no pleno:
https://www.facebook.com/bngcabanas/videos/1074378423756731/
Antecedentes
O 11 de setembro, celebrouse un pleno extraordinario monográfico a instancias do BNG para tratar ditos recortes e esixir solucións para o CEIP Eladia Mariño, cuxos acordos foron aprobados por unanimidade, aínda que o goberno do PP non os trasladou á Consellaría de Educación.
No pleno do 27 de setembro, a preguntas do BNG, o concelleiro de educación confirmou non ter feito nada, tal e como se recolle no vídeo do pleno [ https://www.facebook.com/watch/?v=858412985515733 ], e que se transcribe a continuación “Que fixo vostede como concelleiro de educación e como representante do pleno no Consello Escolar do CEIP Eladia Mariño?” “Unha serie de procesos que llos remito por escrito” “Reuniuse con alguén?” “Eh… si, tivemos unhas chamadas” “Pero non se reuniu con ninguén?” “Por chamadas… eu persoalmente non.”
Ao recorte de profesorado, sumáronse novos problemas que tanto a dirección do CEIP Eladia Mariño como a ANPA O Castiñeiro denunciaron a semana pasada: non se están a cubrir as baixas; o alumnado de infantil perdeu unha hora semanal de psicomotricidade; perdeuse un obradoiro semanal por falta de persoal e o especialista de educación física está a cumprir un horario ilegal, entre outros.