Os nenos e nenas de Infantil e de Primaria do CPI de Ponte Carreira recibiron esta mañá a visita dos Paxes Reais, a quen entregaron as súas cartas para os Reis Magos. O alcalde de Frades, Roberto Rey, asistiu ao evento e agradeceu a colaboración que tanto a dirección do centro como a asociación de pais e nais do colexio están a ofrecer no desenvolvemento das distintas actividades de Nadal.
Para o vindeiro mércores 23 de decembro queda a Gran Festa de Nadal, de 11:00 a 13:30 horas no edificio multiúsos de Frades. Será unha festa con actuacións, mascota, xogos e moitas sorpresas máis á que están convidados todos os nenos e nenas de Frades. A participación é gratuíta, pero é preciso anotarse no Concello antes de mañá venres 18 de decembro.