Membros da formación nacionalista reuníronse esta quinta feira con veciñas e comerciantes da zona, sendo acompañados por un representante da Plataforma para a humanización da Avenida das Mariñas, para coñecer de primeira mao a situación
Iván Roca, concelleiro do BNG en Oleiros: “Após case 20 anos de idas e vidas coas infraestruturas e obras no Sol y Mar non podemos tolerar máis atrasos, ficaremos atentas aos prazos e a posíbeis prexuízos para a cidadanía no futuro”
En abril de 2005 aprobouse unha orde de estudo para a obra chamada do “sol y mar”, esas demandas xa viñan de vello, mais unha modificación do proxecto e unha posterior actualización e acomodación á normativa, e sucesivos atrasos na súa inclusión nos orzamentos do estado, provocaron que ás portas do 2024 sigamos coas obras, as molestias, os alagamentos e toda unha fervenza de problemas para veciñas e comerciantes da zona.
A finalización do túnel estaba prevista para finais de setembro, como moi tarde finais de outubro. A día de hoxe seguimos sen remate.
Problemas coas filtracións da auga, mellorar os pasos de peóns ampliando o que xa existe é que non permite que cruce polo mesmo máis que unha persoa, amañar as beirarrúas tamén demasiado estreitas, proceder a retirada de todos os cascallos amoreados nas vías públicas, garantir que as filtracións que provocaron asolagamentos polo menos en dous comercios da zona non se repitan no futuro e que os amaños non se limiten a simples parches, considerar a limitación ao paso de vehículos de tonelaxe e garantir a mobilidade peonil e de bicicletas alén de evitar a contaminación acústica son algunhas das demandas trasladadas ao concelleiro do BNG de Oleiros e varios membros desta formación na visita efectuada o 30 de novembro a zona na que se reuniron con veciñas e comerciantes da zona, sendo acompañados por un representante da Plataforma para a humanización da avenida das Mariñas. Urxe que o Concello e a administración competente poñan solución a estas eivas de cara a campaña de Nadal. Os comerciantes e hostaleiros afrontan este mes de decembro con máis ganas e medios que outros anos para compensar a sensación de caos que se percibe na zona debido as devanditas obras con aparcadoiros provisionais, escaparates con atrezo propio das datas, adegas e almacéns cheos de mercancía e fan un chamamento á cidadanía para que estas festas apoien ao comercio local e merquen e consuman en Oleiros.
No BNG de Oleiros estamos xa fartas dos atrasos de décadas en infraestruturas básicas para o concello e a comarca polas que levamos loitando con todas as nosas enerxías, infraestruturas responsabilidade de gobernos do PSOE ou o PP e que afectan gravemente a mobilidade como a Vía Ártabra, Sol y Mar, os camiños de ferro, o transporte metropolitano e sen esquecer a Ría do Burgo.
Ficaremos atentas a que neste mes de decembro sexan amañadas (con atraso) e dunha vez todas os problemas que afectan a cidadanía de Perillo en particular a toda a comarca en xeral. Demandamos ao Estado que simplemente cumpra os seus compromisos.