· A proposta levará ao pleno de hoxe, xoves 30 de novembro, para a súa aprobación inicial.
Carral celebrará hoxe, xoves 30 de novembro, ás 20.00 horas un pleno ordinario. Entre os puntos, o goberno local propoñerá a aprobación inicial da ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello, unha iniciativa coa que o equipo de goberno busca “simplificar e axilizar a relación entre a cidadanía e a Administración local”. Con todo, este documento servirá tamén para facilitar a tramitación con outros organismos públicos, con sociedades mercantís e entidades privadas e cos adxudicatarios dos contratos de xestión de servizos públicos municipais.
Tal e como recolle a ordenanza, o Concello deberá garantir o acceso da cidadanía aos servizos electrónicos. Algo que se cumprirá coa posta en marcha de, polo menos, os seguintes medios: oficinas de atención presencial, puntos de acceso xeral electrónico aos distintos órganos do Concello e servizos de atención telefónica.
O documento está dividido en varios apartados nos que se especifican puntos como o procedemento administrativo electrónico, a sede, a identificación e firma, a difusión e acceso da información administrativa a través de medios electrónicos, o rexistro e as normas sobre organización.
Axente de emprego ADL
A maiores, o equipo de goberno elevará o ditame de ratificación da solicitude conxunta para seguir contando cun axente de emprego e desenvolvemento local. Grazas a un convenio subscrito cos Concellos de Oza-Cesuras e Coirós, Carral conta, desde o ano 2021, con esta figura. Con esta medida, o goberno busca seguir reforzando as áreas de emprego e promoción económica.
O traballador desempeña, entre outras, as seguintes funcións: promoción do emprendemento, asesoramento na posta en marcha de proxectos de empresa, apoio na xestión empresarial, difusión das diferentes formas de financiamento e subvencións existentes, identificación no territorio de novas oportunidades de negocio e emprego e, ademais, promoción e implantación de políticas activas de traballo.