Inés Rey eloxiou o traballo levado a cabo polos nenos e nenas en materias como a educación, a saúde, o medio ambiente e o xogo
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá no Palacio Municipal as persoas representantes dos sete centros educativos que participan no Pleno Infantil. O pleno realízase con motivo do Día Mundial da Infancia, que foi o pasado 20 de novembro, e dáselle a posibilidade ao alumnado de participar de forma activa na gobernanza local. A rexedora estivo acompañada da concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e do concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego. Tamén asistiu o vogal da xunta directiva de UNICEF Galicia, Julio Fernández Vázquez.
Un total de 50 nenos e nenas achegáronse a María Pita en representación dos sete centros educativos, acompañados por compañeiros e compañeiras e profesorado responsable. Os representantes presentaron as súas conclusións, froito do traballo baseado na Convención sobre os Dereitos dos Nenos a cada unha das escolas: o CPR Calasanz PP Escolapios falou de educación, o CPR Sagrado Corazón – Franciscanas tratou o tema da protección, o CEIP Ramón de la Sagra explicou as súas conclusións sobre saúde, o CPR Cid tratou a participación, o CPR Salesianos San Juan Bosco falou do dereito ao medio ambiente, o CPR Esclavas del Sagrado Corazón fixo fincapé en cuestións relacionadas coa igualdade e o CPR Santo domingo do dereito ao xogo das/os menores.
“É importante convocar este Pleno Infantil para escoitar o moito que traballastes nas vosas propostas en cuestións clave para o progreso, e darvos un espazo propio para expresar as vosas ideas, opinións e propostas para A Coruña” sinalou a rexedora. Inés Rey destacou a realización de programas educativos como o Proxecto Semente ou as máis de 70 actividades do programa Coruña Educa, deseñados co obxectivo de fomentar a participación e desenvolver unha conciencia crítica na infancia.