A campaña de promoción do comercio local arranca este venres
Mercar en San Sadurniño durante as festas que nos veñen aí volverá ter premio. E é que o Concello de San Sadurniño porá en marcha desde este venres e durante todo o mes de decembro a campaña de promoción do noso comercio e os nosos servizos “Polo Nadal, consumo local”, coa que se tenta fidelizar clientela e poñer en valor a calidade tanto dos produtos como da atención que ofrecen os establecementos de San Sadurniño. Con cada compra que fagamos nos establecementos adheridos entre o 1 de decembro e o 7 de xaneiro recibiremos unha rifa para entrar no sorteo de cestas cargadiñas de produtos galegos e de proximidade. Este ano serán máis dunha trintena os negocios participantes de todo o territorio.
A mecánica segue sendo a mesma que nos anos anteriores, con papeletas de distintas cores dependendo do gasto que se faga. Así entre os boletos que nos entreguen por compras de ata 10 euros, de cor rosa, sortearanse seis cestas valoradas en 50€ cada unha. As rifas por compras superiores a 10 euros, amarelas, entrarán no sorteo doutras catro cestas cun valor unitario de 100€.
Para optar aos premios será necesario que cubramos a papeleta co noso nome e un teléfono de contacto, ademais de introducila na urna que atoparemos no local participante. Non hai límite de rifas: cantas máis compras fagamos, máis opcións de levar os premios que se sortearán en público no salón de plenos o mércores 10 de xaneiro ás 9:00h. A área de Desenvolvemento local contactará ese mesmo día coas persoas agraciadas e os lotes entregaranse o venres 12 ás 14:30h.
“Polo Nadal, consumo local” é unha iniciativa de promoción do comercio e os servizos locais impulsada en 2020 por varios negocios do municipio -con apoio do Concello- como maneira de contribuír á recuperación económica tralos momentos máis duros da pandemia.
Para esta cuarta edición confirmaran a súa participación, a día de hoxe, un total de 32 negocios de San Sadurniño, aínda que cabe a posibilidade de que ao longo dos próximos días a cifra de establecementos adheridos se aproxime á corentena.
Anticipo das festas
A campaña “Polo Nadal, consumo local” marca o inicio das festas de Nadal e Reis en San Sadurniño, cuxa ambientación se deixará notar trala ponte da Constitución co acendido das luces decorativas distribuídas por distintos espazos da zona urbana.
O Nadal municipal tamén contará con varias actividades, como son a chegada do Apalpador á Casa da Cultura na tarde do venres 22 -despois do espectáculo infantil “O Cachopo Máxico”-, un concerto das escolas municipais -nunha data aínda por concretar-, e a festa de recepción aos Magos de Oriente no serán do xoves 4 de xaneiro.
Cómpre lembrar, por último, que o Concello volve agasallar a veciñanza cun almanaque ilustrado que este ano tomou como tema principal o Xeoparque do Cabo Ortegal. Publicáronse 500 exemplares que se poden recoller de balde na Casa do Concello e na Casa da Cultura.