Friday 22 de November de 2024

O centro social de Cortiñán xa loce o nome de ‘Josefa Crespo Veiga’


· Onte, mércores 29 de novembro, celebrouse o acto oficial de nomeamento do edificio, unha acción que dá continuidade ao proxecto ‘Bergondo en feminino’.

· Ademais do descubrimento da placa, no que participou a familia da homenaxeada, houbo unha actuación musical e degustación de produtos da Reserva de Biosfera.

O centro social de Cortiñán xa loce co nome de Josefa Crespo Veiga, ‘Fina a costureira’. Onte, mércores 29 de novembro, celebrouse un acto público moi emotivo para facer efectivo o cambio de nomenclatura, unha acción que dá continuidade ao proxecto ‘Bergondo en feminino’, impulsado pola concellería de Servizos Sociais.

A tarde de onte foi unha xornada de portas abertas, festiva e á vez emotiva e cargada de recordos recoñecementos en honra de Josefa Crespo Veiga. A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, acompañada da filla e outros familiares da homenaxeada, foi a encargada de descubrir a placa que quedará fixada para sempre na fachada do edificio.

Despois, houbo unha actuación musical de Pedro Lamas e do alumnado da Escola de Música Tradicional APA As Mariñas do CPI Cruz do Sar e, como fin de festa, unha degustación de produtos da Reserva da Biosfera a cargo de Artesa dá Moza Crecha, de Betanzos.

Unha muller alegre e capaz

Josefa Crespo, ‘Fina a costureira’, pasa así a formar parte do proxecto ‘Bergondo en feminino’, por ser unha das veciñas de Cortiñán máis lembradas, así como por desenvolver un oficio tradicionalmente vinculado coas mulleres e que contou con pouca visibilidade na sociedade. Aos 28 anos monta un taller e comeza a ensinar costura gratuíta a mozas do lugar. Centos de mulleres pasan por alí ao longo de máis de 30 anos de leccións. ‘Bergondo en feminino’ visibiliza a súa historia por haber desenvolvido e ensinado un oficio valioso e tradicionalmente feminizado, e pola súa capacidade para xerar comunidade e alegría ao seu redor.

O proceso de investigación iniciado dentro do programa ‘Bergondo en feminino’, que comezou a súa andaina no ano 2019, xa permitiu bautizar nove instalacións municipais co nome de mulleres bergondesas relevantes:

• Centro Social de Cortiñán Josefa Crespo Veiga ‘Fina a costureira’.
• Centro Social de Fiobre, Filomena Dato Muruais.
• Centro Social de Guísamo, Ma dos Dolores Miramontes Matos.
• Casa dá Mocidade Jacinta Landa Vaz.
• Centro Social de Lubre, María Fernández Sánchez “Maruxa do Chelo”.
• Salón de actos dá Casa dá Cultura, Mercedes Núñez Targa.
• Centro Social de Vixoi, Luísa Viqueira Landa.
• Centro Social de Santa Marta de Babío, Xabiela Fraga Sánchez.
• Centro Social de Ouces, Antonia Pato Pardo.

“Bergondo en feminino” é unha liña de traballo do Concello de Bergondo que arrincou no 2019 cun taller de investigación participativa e o deseño dun roteiro e folleto. Naquela edición foran rescatados os nomes de nove veciñas históricas, relevantes para a memoria das mulleres e deste territorio. No 2021 e o 2022 proseguiu a actividade, incorporando cinco novas figuras, e realizando videoguías e un mapa interactivo que poden ser consultados en https://bergondo.gal/descobre-bergondo/bergondo-en-feminino/.