O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presetou esta mañá con Pablo Prieto e Abraham Yáñez, vicepresidente e delegado territorial respectivamente da Real Federación Galega de Fútbol Sala, a fase final do Campionato galego de seleccións comarcais de fútbol sala. O evento disputarase o vindeiro 8 de decembro na cidade, nas instalacións do complexo deportivo da Gándara e do pavillón do CEIP da Solaina, e participarán uns 250 deportistas.
Durante a xornada, os integrantes de dez seleccións disputarán un total de quince partidos, que comezarán en horario de mañá ás 9:30 horas nas dúas ubicacións e cuxas finais se iniciarán a partir das 16:00 horas, tal e como avanzaron dende a RFGF. Xogarán deportistas de cinco categorías: infantil masculino e feminino; alevín masculino e feminino e benxamín mixto, en total serán dúas semifinais por cada categoría e unha final en cada unha delas, tal e como explicaron.
O vindeiro 6 de decembro todas as seleccións galegas xogarán unha previa, da que se clasificarán catro para cada categoría.
Pablo Prieto agradeceu a boa disposición do Concello coa Federación Galega de Fútbol sala “porque sempre somos ben acollidos e sentímonos como na casa” e destacou a “capacidade de organización e apoio incondicional do Consistorio co deporte”.
Pola súa banda, o edil Ibán Santalla valorou o feito de que este campionato autonómico se dispute en Narón “un concello moi comprometido co mundo do deporte en xeral” e animou ás veciñas e veciños a acudir a este evento para animar aos xogadores e xogadoras.