Friday 22 de November de 2024

O BNG amosa a súa preocupación polo proxecto de instalación dunha segunda gasolineira en Iñás, tamén nas inmediacións do Rego de San Pedro, e a súa disposición a formular alegacións contra a mesma perante Augas da Galiza


O BNG preguntará ao goberno municipal no pleno de decembro sobre a existencia deste proxecto e do estudo de afectación ao Rego de San Pedro con comunicación a Augas da Galiza

Ivan Roca, concelleiro do BNG en Oleiros afirma que “ Xa é o segundo proxecto en 10 meses que se pretende instalar pegado a un río onde se atopa o Paseo de Rego, paseo para o desfrute da natureza e o lecer da cidadanía e que nin sequera vai aportar un só emprego a economía local .”

A Opinión da Coruña informa que unha cadea de gasolineiras low cost proxecta instalar unha estación de servizo máis outra vez en Iñás, na Avenida das Mariñas, nas inmediacións dun hipermercado da xardinaría. Achamos que este proxecto se localizaría a escasos metros do Rego de San Pedro, corrente fluvial por onde vai discorrer o chamado Paseo do Rego proxecto estrela do Concello de oleiros. A enésima gasolineira do concello de Oleiros estaría localizada a 28 metros do devandito Rego.

O BNG preguntará no pleno de decembro ao goberno Local acerca do que se sabe deste proxecto, se existen trámites iniciados no Concello e se saben se xa foi solicitada a autorización preceptiva a Augas da Galiza pola proximidade da corrente fluvial.

As estacións de servizo, como moitas outras actividades industriais, están catalogadas como potencialmente contaminantes do solo. A propia Xunta da Galiza ten informado que segundo as súas estatísticas, o 44 % das gasolineiras presentaban afección contaminante nos solos onde as gasolineiras están situadas. De aí a preocupación que temos no BNG de Oleiros sobre as informacións que anuncian a posibilidade máis outra estación de servizo nas inmediacións do futuro Paseo do Rego, espazo destinado ao desfrute da natureza por parte da cidadanía.

Alén dos potencias riscos que existirían de ser confirmada a localización da estación de servizo, todo apunta a que a mesma sería de autoservizo, polo tanto non crearía ningún posto de traballo.

Chove sobre mollado e nun prazo de 10 meses achámonos perante a segunda gasolineira de idénticas características que se vai instalar na parroquia de Iñás, servizo absolutamente redundante e potencial foco de contaminación por razóns obvias.

Estaremos atentos aos xornais oficiais para presentarmos alegacións contra a autorización dunha estación de servizo nas marxes do devandito río xa que o entendemos contrario á lexislación vixente alén de calquera tipo de lóxica na protección das correntes fluviais do país, xa abondo castigadas durante décadas. Neste caso concreto temos que lembrar que as augas do Rego de San Pedro van desembocar directamente á Ría do Burgo, Ría que está sendo obxecto de dragaxe e descontaminación após décadas de maltrato sistemático, proceso que está a adquirir uns enormes custes para o erario público. Cómpre lembrar asemade os múltiples episodios de peche ao marisqueo da ría do Burgo por contaminación por hidrocarburos.