— Belén do Campo avoga por seguir apostando pola formación para concienciar á sociedade no coidado da contorna e reforzar os lazos entre natureza e mocidade
— Destaca os 7.800 alumnos que visitaron os centros de centros de interpretación dos 6 parques naturais galegos ou os 2.300 que puideron coñecer as Illas Atlánticas
Máis de 23.000 escolares galegos de diferentes niveis educativos participaron durante o curso 2022-2023 nas actividades divulgativas organizadas pola Xunta co fin de poñer en valor o patrimonio natural de Galicia e sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia do seu coidado, a través da educación ambiental.
Así o expuxo esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a reunión do Observatorio galego de educación ambiental (OGEA), órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento para todo o relacionado co desenvolvemento desta materia na Comunidade.
O principal punto na orde do día da xuntanza foi a presentación das principais liñas de actuación que están a levar a cabo os diferentes organismos da Xunta integrados no OGEA en materia de educación ambiental.
Pola súa parte, do Campo destacou as actividades organizadas na Rede de parques naturais de Galicia, cun programa especificamente dirixido a divulgar os valores dos 7 parques galegos a través de charlas, rutas guiadas e visitas escolares en grupo aos centros de interpretación. En total, indicou que polos 6 parques naturais —Fragas do Eume, complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, Baixa Limia-serra do Xurés, O Invernadeiro e serra da Enciña da Lastra— pasaron ata outubro de 2023 máis de 7.800 alumnos, unha cifra que representa o 15% de todos os visitantes que recibiron estes espazos naturais no que vai de ano.
A maiores, o programa de actividades didácticas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia achegou durante o curso pasado os valores e a riqueza medioambiental dos catro arquipélagos a case 2.300 nenos e mozos procedentes de centros educativos dos concellos da súa área de influencia.
Ademais, Belén do Campo tamén se referiu ao labor de divulgación realizado a través das tres aulas da natureza da Xunta, localizadas no Veral (Lugo), en Siradella (O Grove) e no Courel, espazos que, como explicou, actúan como centros de aprendizaxe continua sobre a Rede natura 2000 e os elementos identificadores do medio natural destas zonas. Un total de 3.650 rapaces participaron o curso pasado en obradoiros, charlas educativas, visitas guiadas e proxeccións de películas realizadas nas tres aulas da natureza.
No marco do Programa Proxecta, a directora xeral salientou dúas iniciativas impulsadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural —Protexe os animais e Naturézate—, cunha participación de 2.700 alumnos de 40 centros de Infantil e Primaria nos que se impartiron talleres e xornadas conmemorativas de efemérides clave como o Día do Medio Ambiente, das Zonas Húmidas ou das Aves Migratorias. E co fin de achegar ás novas xeracións a pesca fluvial, destacou tamén as actividades divulgativas organizadas na contorna de ríos galegos para concienciar a case 700 nenos e nenas de 18 centros educativos sobre os valores deportivos e medioambientais desta actividade.
Así mesmo e en colaboración coa Asociación Amabul, o curso pasado desenvolveuse un programa de divulgación sobre as especies de flora exótica invasora no que participaron ao redor de 1.700 alumnos, e no marco do cal tamén se organizou unha exposición pola que pasaron 4.000 escolares entre o ano 2022 e o que vai de 2023.
Ademais, tamén se informou ao Observatorio doutras iniciativas que se están a realizar no marco do Programa Proxecta ou á marxe del pero relacionadas tamén coa educación ambiental, por parte doutros departamentos da Xunta como Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o IET, ou a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, entre outros.
De cara ao vindeiro ano, Belén do Campo indicou que a Xunta e o seu departamento en particular seguirá apostando pola educación ambiental como ferramenta efectiva para “axitar conciencias e sensibilizar” á sociedade no respecto polo patrimonio natural, incidindo especialmente no reforzo dos lazos entre o medio ambiente e a mocidade.
A reunión do OGEA contou tamén coa participación doutros representantes da Administración autonómica, da Universidade da Coruña e do Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida).