José Manuel López Varela destacou o compromiso municipal no desenvolvemento de políticas activas de emprego, con cinco programas en marcha na actualidade.
Xa está en marcha o Obradoiro de Emprego A Laracha VIII, o oitavo programa dual de formación e emprego que organiza o Concello co apoio económico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Grazas a esta iniciativa, que presenta un orzamento de 750.000 euros, vinte laracheses, o alumnado traballador, terán a oportunidade de aprender un oficio tanto a nivel teórico como práctico durante os próximos doce meses, tempo no que obterán tamén unha remuneración económica ao estar vinculados ao Concello cun contrato de formación.
Ao cargo do obradoiro está o equipo directivo, formativo e administrativo composto por cinco persoas: directora, mestre de ensino básico, auxiliar administrativo e mestre de cada unha das dúas especialidades, que son as de operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción e a de traballos de carpintería e moble. En cada unha desas especialidades hai dez alumnos traballadores que, en caso de completar a formación, recibirán ao remate do obradoiro o certificado de profesionalidade que acreditará a súa cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.
Entre as actuacións encomendadas ao obradoiro de emprego durante a fase práctica destaca a mellora da pasarela de madeira do paseo fluvial do Anllóns. Outras obras serán a reforma interior dos centros socioculturais de Erboedo e de Cumiáns, o peche perimetral do Castro de Montes Claros e a creación de novo mobiliario para o espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre e para a Ribeira de San Fins.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, déronlle hoxe a benvida tanto ao persoal do obradoiro de emprego como ao alumnado traballador. O rexedor animounos a “aproveitar esta oportunidade importante para o voso proceso de formación e busca de emprego no que desde o Concello imos estar á vosa disposición para axudarvos”. Tamén salientou o compromiso municipal co desenvolvemento de políticas activas de emprego, apuntando que A Laracha está a organizar nestes momentos cinco programas desas características: o obradoiro de emprego, a acción formativa para desempregados centrada na atención sociosanitaria e o programa integrado de emprego no que participarán cen persoas durante os próximos meses, ademais de dispoñer dun Centro de Capacitación Dixital e de ofrecer a Aula Mentor como outras posibilidades de formación para o emprego.