Unha vintena de estudantes do ciclo medio de Actividades Comerciais do CPR Mendiño, de Vigo, desprazouse na mañá deste 29 de novembro á Pobra do Caramiñal para facer prácticas coa técnica de márketing encargada de toda a montaxe e decoración na localidade para contribuír á dinamización económica e social polo Nadal.
O alumnado foi recibido na Casa Mariñeira pola concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, quen puxo en valor esta iniciativa que lle permite complementa-los coñecementos teóricos impartidos polo profesorado e aproximarse aos comercios, negocios e praza de abastos da localidade, así como as oportunidades existentes en materia de emprendemento.