Friday 22 de November de 2024

A Xunta anima ao sector do I+D galego a colaborar na creación de sinerxías para aumentar a resilencia da comunidade ante o cambio climático


— Ángeles Vázquez salienta o compromiso que une á administración e ao tecido produtivo e social no obxectivo común de situar Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o quecemento global

— Considera a CETIM como centro de referencia da economía circular a través do desenvolvemento de tecnoloxías para obter produtos de alto valor a través de residuos e subprodutos de diferentes sectores

A Xunta anima ao sector do I+D galego a colaborar na creación de sinerxías para aumentar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático, tal e como vén de facer CETIM Technological Centre ao adherirse á Alianza galega polo clima, que conta xa co apoio de 97 entidades, entre as que se inclúen universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas.

Durante o acto de sinatura da adhesión, logo de salientar o “compromiso común” que une á administración e ao tecido produtivo e social no obxectivo común de situar Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o quecemento global, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na importancia do apoio de CETIM na súa condición de “centro de referencia da economía circular” a través do desenvolvemento de tecnoloxías para obter produtos de alto valor a partir de residuos e subprodutos de diferentes sectores.

De feito, segundo explicou Ángeles Vázquez, o seu “equipo humano multidisciplinar e altamente cualificado” focaliza o seu traballo en ámbitos fundamentais para o medio ambiente e o clima, como son os materiais sustentables e bio-baseados; o tratamento de augas e residuos; a recuperación de recursos, e os procesos dixitais como soporte para o seu uso eficiente e recuperación. E, ademais, cómpre subliñar tamén o seu compromiso para implantar na Cros o Centro de Excelencia en Economía Circular.

Esa experiencia encaixa coas liñas estratéxicas e cos deberes marcados polo Goberno galego que CETIM asume ao adherirse a esta Alianza, que son, ente outros, establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Fitos acadados e desenvolvemento lexislativo
Cómpre salientar que no marco do apoio expreso do Goberno galego a aquelas administracións públicas e entidades privadas comprometidas co medio ambiente e a súa protección, a Xunta destinará máis de 5,5 millóns de euros nos vindeiros anos a poñer en marcha e manter 3 servizos de asesoramento especializados dirixidos tanto a entidades locais como a empresas interesadas en impulsar proxectos para mitigar os efectos do cambio climático ou relacionados cunha xestión eficiente dos residuos.

A vicepresidenta segunda explicou que Galicia leva anos traballando para mellorar a súa capacidade de resiliencia ante o cambio climático. Nesa liña, lembrou que a Comunidade xa acadou fitos decisivos como ser a segunda comunidade que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 ou a redución dun 34% de emisións brutas de GEI respecto a 1990 -ano que se toma de referencia-, máis de 34 puntos porcentuais por enriba da media nacional.

Ademais, 1 de cada 5 toneladas de carbono que se absorben en España faise en Galicia-9,7 millóns de toneladas en 2021-, o que a converte na primeira comunidade do Estado nesta materia.

A maiores, cómpre salientar que a Xunta, ademais de publicar recentemente a Guía de contratación pública ecolóxica, está a desenvolver a que será a primeira lei do clima de Galicia, co obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040.