O ciclo intermunicipal “Acompañar no reto de educar” desenvólvese na Casa da Cultura de Fene e conta con servizo de conciliación
No marco do programa “Máis que un teito”, que coorganizan os concellos de Fene, Neda e Mugardos, o próximo luns terá lugar na Casa da Cultura fenesa a charla destinada a familias con fillos en idade escolar que leva por título “Convivir coas emocións”. Ata este venres está aberto o prazo de inscrición para os pais e nais que queiran sumarse á sesión. Para facilitar a participación, disponse do servizo de conciliación.
Nesta nova sesión do ciclo “Acompañar no reto de educar”, que terá lugar entre as 18 e as 20 horas, abordarase coas familias dos tres municipios como se identifican as emocións, ademais de darlles pautas para utilizar dende a educación emocional, a disciplina positiva e a comunicación non violenta.
Os pais e nais nedenses poden inscribirse no obradoiro, enviando a ficha de inscrición que pode descargarse na web municipal, ao correo electrónico servizos.sociais@fene.gal. Nesa mesma folla deberán indicar se precisan botar man do espazo para as crianzas, que contará con monitorado propio.
Para obter máis información, sobre “Acompañar no reto de educar” poden dirixirse ao servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233) ou ben aos Servizos Sociais de Fene (981492706/ 981342607) encargados da coordinación do proxecto intermunicipal, que subvenciona a Consellería de Sanidade.