· O Concello destinou 15.000 euros de orzamento para esta liña de axudas.
O Concello de Bergondo ha resolvido en Xunta de Goberno Local os beneficiarios da súa liña de axudas para afrontar os gastos en desprazamentos con fin escolar para o curso 2023-24 do alumnado bergondés, ás que destinou un orzamento de 15.000 euros e que nesta ocasión recibirán 123 persoas.
Os estudantes de Bergondo contarán así co respaldo económico do Concello para acudir ás súas clases. O Concello deseña esta convocatoria para dispoñer dun sistema de axudas económicas aos desprazamentos para alumnos empadroados no municipio e matriculados nun centro de ensino público que se atope polo menos a un quilómetro do seu domicilio.
A axuda ten como único criterio de concesión a distancia entre a residencia e o centro educativo de cada #concorrente á convocatoria. Así, as contías para percibir son as seguintes (contías máximas, poderían reducirse en función do número de solicitudes):
Galicia:
• De 1 a 3 km (por ex. Bergondo): ata 40 euros.
• De 4 a 15 km (Betanzos, Sada, Miño, Cambre, Oleiros, …): ata 60 euros.
• De 16 a 40 km (A Coruña, Arteixo, Ferrol, …): ata 80 euros.
• De 41 a 80 km (Santiago…): ata 120 euros
• De 81 a 170 km (Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo, …,): ata 150 euros.
Outras comunidades autónomas: ata 200 euros.
Programas internacionais oficiais: ata 600 euros.
O goberno local explica que o Concello estableceu este sistema de axudas, a cargo dos orzamentos municipais, para “apoiar aos estudantes do municipio e favorecer que dispoñan dun transporte ao menor custo posible”.