Friday 22 de November de 2024

A veciñanza de Neda afectada pola recente riada recibiu información sobre as axudas por emerxencias que concede o Ministerio de Interior


Atendendo a petición cursada polo alcalde de Neda, Ángel Alvariño, técnicos da Subdelegación do Goberno na Coruña reuníanse esta tarde cos veciños e veciñas afectados polas recentes inundacións rexistradas en Santa María e As Augas co fin de debullar a liña de axudas que ofrece o Ministerio de Interior. No encontro, ao que asistiron unha trintena de persoas, o rexedor insistiu en que está a tocar todas as portas posibles para buscar máis axudas e, como non, para lograr unha solución definitiva que evite que o drama vivido volva repetirse.

Apuntaron os técnicos do Goberno Central que as axudas estatais teñen un carácter subsidiario con respecto a calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas. Detallaron ademais que se poderán cubrir danos nas vivendas habituais por importe máximo de 10.320 euros no caso de que sufrirá danos estruturais; 5.160 para as que non os teñen, e 2.580 por destrución e danos nos enseres domésticos.
Finalmente, subliñaron en repetidas ocasións que, segundo establece o Real Decreto 307/2005, hai un prazo de 1 mes dende a data de acaecemento dos feitos causantes dos danos para solicitar no rexistro municipal a petición das axudas.

Durante a reunión, a veciñanza trasladou as súas queixas e preguntas ao rexedor, quen lembrou que o Concello dispón de axudas de emerxencia municipal para cubrir gastos de primeira necesidade. Aclarou ademais que segue esperando que Augas de Galicia dea traslado ao Concello do informe valorativo realizado polo seu persoal tras a visita realizada o 15 de novembro. E incidiu en que dende o ente público empresarial tampouco responderon aínda á solicitude de entrevista coa súa máxima responsable para esixir unha intervención que dea solución definitiva ás inundacións na contorna do río Basteiro.