— A dotación da convocatoria ascende a un total de 19,2 millóns de euros, contía coa que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá atender todas as solicitudes recibidas
— As axudas, financiadas con fondos da Unión Europea, permitirán construír 333 vivendas para alugueiro a prezo controlado nas cidades da Coruña e Vigo
A Xunta incrementou en 5.412.500 euros os fondos destinados ás axudas a promotores públicos e privados para construír vivendas de alugueiro a prezos taxados sobre solo público, co obxectivo de atender todas as solicitudes presentadas. Tras a ampliación orzamentaria dun 40% publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, a dotación global da convocatoria ascende a 19.187.500 euros.
Cómpre lembrar que na convocatoria se destinaban algo máis de 6,8 millóns de euros á liña dirixida a promotores públicos e a mesma contía ás axudas destinadas a promotores privados. Sen embargo e tendo en conta que as solicitudes recibidas para optar a esta segunda liña e que cumpren todos os requisitos achéganse aos 12,3 millóns de euros, considerouse necesario ampliar a dotación co obxectivo de atender a demanda.
O incremento de fondos permitirá conceder axudas para construír 256 vivendas protexidas para alugueiro por parte de cooperativas en 5 parcelas no barrio coruñés de Xuxán. As parcelas foron adxudicadas pola Xunta o pasado verán en dereito de superficie, polo que pasados 50 anos da concesión, o solo e as vivendas edificadas pasarán a formar parte do parque público residencial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Polo que respecta aos promotores públicos, tan só os concellos de Vigo e da Coruña solicitaron acollerse a esta nova liña de axudas. No caso de Vigo, concedéuselle unha subvención por importe de 1.187.982 euros para a construción de 27 vivendas para alugar no Camiño de Esturáns, e ao Concello da Coruña foille outorgada unha axuda de 2.475.510 euros para promover 50 vivendas destinadas a alugueiro en Xuxán.
Grazas a estas axudas a entidades locais e a promotores privados, que se convocaron este ano por primeira vez e prevén unha subvención máxima de ata 50.000 euros por vivenda, está previsto que se constrúan 333 novos inmobles destinados a alugueiro social.
Requisitos da convocatoria
As novas promocións construídas con cargo a este programa deberán destinarse a arrendamento durante un prazo de, polo menos, 50 anos. Neste período, o prezo do alugueiro non poderá superar o máximo establecido no momento da sinatura do contrato para as vivendas protexidas de réxime xeral no concello en que se constrúan.
Tanto Vigo como A Coruña están incluídos na área de prezo máximo superior pero, segundo o establecido na propia convocatoria, o importe aplicable nesta zona e, polo tanto, en ambos concellos, será o que corresponde á área 1, que é sensiblemente inferior.
Pola súa parte, os futuros adxudicatarios deberán utilizar os inmobles como residencia habitual e permanente, estar inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia e acreditar uns ingresos que non superen 4,5 veces o Iprem.