Friday 22 de November de 2024

A Xunta entrega a Bandeira Verde ao concello de Curtis para recoñecer o seu compromiso co medio ambiente e a conservación da paisaxe


O director do Instituto de Estudos do Territorio fixo entrega deste distintivo ao alcalde para poñer en valor accións como a súa estratexia de sostibilidade ambiental ou o plan para instalar luminarias LED en todo o municipio

A Xunta entregou esta semana a Bandeira Verde de Galicia ao Concello de Curtis para recoñecer o seu compromiso co medio ambiente e a posta en marcha de actuacións ambientais que contribúen tamén á conservación da paisaxe.

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, que entregou o distintivo ao alcalde do municipio, Javier Francisco Caínzos, lembrou que é a terceira vez que recibe este recoñecemento froito do impulso de distintas accións a prol do medio ambiente. Entre elas están o feito de dispoñer dunha estratexia de sostibilidade ambiental, o plan para instalar luminarias LED en todo o municipio ou a súa adhesión ao pacto polo clima e enerxía sostible.

As bandeiras verdes son un distintivo creado pola Xunta de Galicia en 2020 para dar visibilidade ao esforzo que as entidades locais realizan na aposta por boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.

A concesión deste recoñecemento supón ademais un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural ou -como novidade desta edición- para recibir axudas autonómicas relacionadas coa xestión dos residuos a través de actuacións como a construción e mellora de puntos limpos fixos, a implantación de instalacións móbiles ou o impulso de proxectos de preparación para a súa reutilización.

Estes distintivos mostran o compromiso dos concellos coa protección do medio ambiente e coa xestión sostible dos recursos, unha cuestión coa que as entidades locais están cada vez máis comprometidas. De feito, desde 2020 o número de bandeiras entregadas foi aumentando de xeito constante ao pasar das tres aprobadas nesa primeira edición ás 18 concedidas este ano.