· O proxecto, que conta cun orzamento de 23.500 euros, permitirá salvar o desnivel nunha das portas do local e instalar iluminación na zona de grellada e o parque.
· Esta era unha das propostas elixidas nos Orzamentos Participativos do 2023.
O Concello de Bergondo adxudicou en Xunta de Goberno Local as obras para a mellora da accesibilidade e a iluminación no local social de San Fiz, en Vixoi, unha actuación que conta cun orzamento total de 23.535,89 euros.
Este proxecto foi unha das propostas elixidas dentro do proceso de Orzamentos Participativos do ano 2023, presentada pola Asociación de Veciños de Vixoi.
O local social conta con dúas portas de acceso, unha a cada unha das estancias nas que se divide. A principal xa dispón dun acceso adaptado pero a outra presenta un chanzo de 14 centímetros respecto a a beirarrúa.
Para permitir o acceso a todo o local social proxéctase a construción dunha rampla que salve o desnivel existente e permita o acceso de persoas con mobilidade reducida. Como medida complementaria tamén se aumentará o ancho das beirarrúas por outras de 2 metros, cambiando o pavimento por outro que reduce o risco de escorregar.
En canto á iluminación, instalaranse unhas luminarias dotadas de pulsadores con temporizador na zona de grellada e na do parque infantil para permitir o uso destas instalacións cando se reduza a visibilidade.