O Concello de Neda tramita, un ano máis, o programa autonómico “Xuntos polo Nadal”. Tratase dunha iniciativa concibida para que aquelas persoas maiores de 60 anos que vivan soas e non teñan con quen pasar as festas, poidan compartir esas datas tan especiais na compañía doutros maiores.
A través do programa ofértanse estancias gratuítas, en réxime de pensión completa e habitación compartida, na residencia de tempo libre de Panxón, na localidade de Nigrán. Desenvólvese dende Noiteboa ata Reis, en total 15 días nos que os maiores da provincia da Coruña poderán convivir con outros procedentes de municipios de Ourense, participando ademais en actividades socioculturais de lecer, adaptado aos gustos e aos recursos tanto patrimoniais como culturais da zona.
Os veciños e veciñas de Neda que queiran beneficiarse do programa, dirixido a maiores que poidan valerse por si mesmos, deben dirixirse ás oficinas municipais de Servizos Sociais onde os axudarán coas solicitudes. O prazo para presentalas remata o 8 de decembro.