Monday 25 de November de 2024

Aberto o prazo para presentar ofertas para a concesión de 14 postos e 3 almacéns no Mercado Municipal de Abastos


Se es unha persoa física, descarga aquí as instrucións para presentar a documentación

Ata o 11 de decembro está aberto o prazo para que as persoas interesadas poidan optar á concesión administrativa de 14 postos no mercado municipal de abastos. A adxudicación realizarase por concurso, e na valoración teranse en conta o proxecto de explotación da actividade a desenvolver e a oferta económica. Ademais dos postos de venda, tamén se inclúen tres almacéns. Os pregos de condicións administrativas e técnicas están publicados no perfil do contratante do Concello de Carballo, e ao final desta nova pode descargarse un documento de instrucións dirixido exclusivamente ás persoas físicas.

Con este procedemento, o segundo nos últimos dous anos, abrimos a posibilidade de incorporar ao Mercado Municipal de Abastos novos negocios que contribúan a dinamizalo.

As licitacións realizaranse segundo o regulamento vixente, e que inclúe como principais novidades a distinción entre postos fixos e temporais, a existencia de postos sen actividade definida (que poderán, polo tanto, adaptarse ás necesidades da persoa licitadora). Tamén será posible solicitar ata un máximo de tres postos lindeiros, e ademais non será obrigatorio solicitar o período máximo da concesión, fixado en 10 anos, senón que poderá pedirse a ocupación do posto por menos anos.

As concesións resultantes do proceso que está empezando tamén se beneficiarán do axuste á baixa dos prezos resultante do estudo económico realizado polo Concello de Carballo, de xeito que o canon redúcese entre o 12 e o 13% e as taxas mensuais, arredor do 45%.