Sunday 24 de November de 2024

Máis de 500 nenos e nenas visitarán a Biblioteca Rego da Balsa ao longo desta semana “Na procura do Xestal”


A compañía carballesa Galeatro dirixe unha actividade teatral para poñer en valor a tradición oral e seguir divulgando a figura de Carlos O Xestal

Dous grupos do CEIP Bergantiños e un do CEIP Xesús San Luís Romero participaron hoxe nunha nova actividade do Ano do Xestal. A Concellaría de Bibliotecas, coa colaboración dos centros de primaria do concello, puxo en marcha Na procura do Xestal, unha proposta teatral coa que pretendemos seguir difundindo a figura de Carlos O Xestal entre a infancia co obxectivo de que a súa memoria perdure no tempo, pero tamén achegar á rapazada as artes escénicas dun xeito divertido, poñen en valor a tradición oral como patrimonio cultural galego e seguir fomentando o uso do idioma galego na infancia.

Para conseguir todos eses obxectivos contamos non só coa colaboración dos coles, senón tamén da compañía de teatro carballesa Galeatro. Alba Bermúdez e Tone Martínez convértense en Charlie e Charles, dous detectives con avós galegos que actualmente residen en Inglaterra. Xuntos forman a prestixiosa axencia de investigación Cha, cha, cha, na que resolven os casos máis inverosímiles, e desta volta chegan a Carballo por encargo do mesmo rei de Inglaterra para buscar a outros Carlos famosos, coma O Xestal… Nese proceso de investigación, os detectives precisan da axuda dos nenos e nenas de Carballo para saber realmente quen foi O Xestal e por que foi tan importante.

Ao longo da semana está previsto que pasen polo auditorio da Biblioteca Rego da Balsa máis de 500 alumnos e alumnas de 3º e 4º cursos dos colexios Fogar, A Cristina, Artai, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán, ademais do Bergantiños e o San Luís Romero, que xa se estrearon hoxe. En total,12 grupos de estudantes coa difícil pero divertida misión de afondar na figura de Carlos O Xestal.

Calendario de actuacións
Luns 27:
-10.30 h: CEIP Bergantiños
-11.30 h: CEIP Bergantiños
-12.30 h: CEIP San Luís Romero
Martes 28:
-11.00 h: CPR Artai
-12.00 h: CEIP Bergantiños
-13.00 h: CEIP Bergantiños
Mércores 29
-11.00 h: CEIP Fogar
-12.00 h: CEIP Fogar
Xoves 30
-11.30 h: CEIP Fogar
-12.30 h: CEIP Fogar e CEIP Nétoma-Razo
Venres 1
-11.00 h: CEIP Gándara-Sofán
-12.00 h. CEIP A Cristina