Friday 22 de November de 2024

Ordes acada o segundo lugar na I edición dos Premios Camiño de Santiago 2015


A tenente de alcalde Ana Soneira recolleu esta mañá o diploma na Cidade de Cultura. O xurado valorou o coidado e os labores de roce e limpeza, e que supón unha gratificación económica de 5000 €

Ana Soneira, tenente de alcalde e concelleira de Medio Ambiente e Medio Rural, recolleu o premio Camiño de Santiago 2015 outorgado ao concello de Ordes pola axencia Turismo de Galicia. Concreatamente acadou o segundo posto na primeira das categorías, na cal se distinguen as iniciativas desenvolvidas polos concellos, agrupacións municipais, mancomunidades etc. O dito recoñecemento vai acompañado dunha dotación de 5.000 €. O acto de entrega tivo lugar na Cidade da Cultura, e entre outras aoutoridades estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e o xerente de Xacobeo, Rafael Sánchez.
Concretamente o xurado valorou por debaixo de Portomarín, primeiro posicionado, as tarefas desempeñadas no coidado e nos labores de roce e limpeza, primando o realizado na ruta do Camiño Inglés. Deste xeito recoñécese o labor desenvolvido polo Concello de Ordes en iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer o ámbito da ruta do Camiño de Santiago. Medidas estas que inciden positivamente na conservación, difusión e posta en valor tanto do Camiño como da cultura xacobea.
O primeiro premio da segunda categoría, destinada a distinguir as actuacións desenvolvidas polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, recoñeceu o traballo da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Ávila, mentres que o segundo galardón foi para a Asociación Gaditana Jacobea – Vía Augusta.
A terceira categoría distinguiu as actividades desenvolvidas por pequenas e medianas empresas. O primeiro premio foi para a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas- Betanzos. O segundo para María Varela Mosquera, da empresa de turismo rural A Parada das Bestas pola rehabilitación do inmoble con criterios de bioconstrución.
A última das categorías premiou ao Grupo de Investigación Cultural e Sociedades no Mundo Ibérico desde a Idade Media, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ao Colexio de Educación Infantil e Primaria Belesar, de Baiona; e ao IES Plurilingüe San Rosendo, de Mondoñedo, polo seu labor académico, educativo e de investigación.
Principais oxectivos
Os premios teñen como principais obxectivos mellorar o Camiño de Santiago en base aos seus itinerarios e entornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos; aumentar a sensibilidade en relación coa relevancia dos valores do Camiño; estimular o seu coñecemento patrimonial e concienciar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións.
Rutas para emprendores
Ana Soneira amosou a súa satisfación polo premio acadado e recoñeceu que “recoñecementos coma este dan folgos e animan a seguir traballando en prol dalgo tan importante como a cultura xacobea e os camiños que conducen a Santiago”. A edil tamén manifestou unha vez máis o “enorme interés que o Goberno local de Ordes ten en promocionar e facer medrar o Camiño Inglés. Tanto como punto de interés turístico e medioambiental como nas posibilidades empresariais que ofrece aos veciños e veciñas da comarca de Ordes”.