Saturday 16 de November de 2024

Alternativa presentou unha moción conxunta co PSOE e BNG para solicitar solución aos problemas co Rego da Ranqueira


Alternativa dos Veciños presentou unha moción conxunta co PSOE e BNG ao pleno ordinario de novembro, para solicitarlle ao Goberno Municipal lle dea unha solución urxente aos veciños de Santaia de Arriba, para que poidan deixar de sufrir inundacións nas súas vivendas procedentes do aumento do caudal e deterioro do leito do Rego da Ranqueira.

A veciñanza de Santaia de Arriba en Chamín está a sufrir inundacións nas súas vivendas a consecuencia do aumento do caudal e do deterioro do leito do Rego da Ranqueira.
Devandito desbordamento de auga non só provoca inundacións nas vivendas, senón que tamén está a facer desfeitas considerables na vía pública, o que pode ocasionar un grave dano tanto a peóns como os vehículos que por alí circulan.

“O equipo de Goberno é coñecedor deste problema xa que existe desde hai moitos anos.
Nestas últimas semanas, debido as múltiples chamadas recibidas por parte dos veciños e veciñas de Santaia e, ante a súa desesperación, volvemos poñer en coñecemento do equipo de Goberno este grave problema.
A resposta do Goberno, é que seria necesario levar a cabo unha obra que tardaría varios meses en executarse, pero, neste momento a situación existente esixe unha solución inmediata aínda que sexa de xeito provisional ata que se leven a cabo as obras pertinentes” apunta a Voceira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez Canosa .

“O Goberno Municipal ten a obriga de sentarse e falar cos veciños deste núcleo e de dar solución a unha situación que está desesperando a uns veciños, que día si e día tamén, teñen que sufrir inundacións nas súas vivendas e nas súas fincas” explica Noelia Martínez.