San Sadurniño programou varias propostas arredor do Día Internacional da eliminación da violencia contra a Muller que trascenden a propia data do 25 de novembro. As nenas e nenos da Rolada tiveron o venres pola mañá unha sesión de “Contos pola Igualdade”, seguida o sábado á tarde dun obradoiro do “Tempos para compartir” que estivo centrado na escritura creativa con perspectiva de xénero. Ademais, o grupo de mulleres facilitadoras e homes aliados do Lavadoiro tamén participou nun encontro coas usuarias e usuarios do Centro de Día e esta mesma mañá achegouse a Santiago para coñecer o funcionamento do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas da Violencia de Xénero. Nos próximos días aínda teremos máis referencias ao 25-N, xa que o Concello levará ao pleno ordinario do xoves a aprobación da declaración institucional e a partir da semana que vén desenvolverase -en colaboración co Concello de Valdoviño- o taller “Encantada de coñecerme” sobre atención en saúde sexual para mulleres adultas.
O obradoiro terá lugar no centro sociocomunitario valdoviñés o martes 5 e o mércores 13 de decembro, de 10:00 a 13:00 horas. Os contidos que se traballarán estarán centrados na saúde sexual e noutras cuestións relacionadas, como a autoestima e o benestar ou os momentos vitais clave da puberdade, a maternidade, a menopausa e o climaterio.
Tamén se tratarán temas transversais sobre igualdade, como os roles, a identificación da violencia sexual e de xénero ou a creación de relacións positivas e saudables, ademais de abordar o sistema normalizado de atención á saúde da muller e os recursos de proximidade cos que conta.
As dúas sesións, que son gratuítas, estarán impartidas pola Federación de Planificación Familiar SEDRA. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos 673 903 922 do servizo de Educación Familiar ou ao 695 874 783 da Técnica de Igualdade. Tamén se pode enviar un correo a veronica.perez@sansadurnino.gal ou a oriana.lopez@sansadurnino.gal.
Visitas de traballo de O Lavadoiro
Por outra banda, o programa de prevención e detección da violencia machista O Lavadoiro, integrado por mulleres formadas en acompañamento das vítimas e homes comprometidos cun novo modelo de masculinidade, tamén intensificou nestes últimos días o seu traballo mantendo encontros coas usuarias e usuarios do Centro de Día de San Sadurniño e, hoxe mesmo, achegándose a Santiago para coñecer o funcionamento do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas da Violencia de Xénero.
Este recurso dependente da Xunta de Galicia ten por finalidade desenvolver un modelo de atención para as mulleres vítimas do maltrato e as persoas qo seu cargo, especialmente as súas fillas e fillos e persoas dependentes, que tamén son vítimas directas da violencia de xénero.
O centro funciona como espazo de acollemento inmediato -mediante derivación dos servizos sociais municipais ou dos servizos sanitarios e xudiciais- pero tamén como lugar onde atopan o apoio necesario para saíren desa situación, cun enfoque tanto asistencial como social e laboral que pon o acento no desenvolvemento das capacidades e aptitudes da muller.
Obradoiro de escritura creativa
A Casa da Xuventude tamén acolleu no serán do sábado o obradoiro de escritura creativa con perspectiva de xénero organizado pola área de Igualdade dentro do programa Tempos para compartir. As participantes tiveron como docente á veciña de Lamas María Pilar Hermosa, escritora con ampla experiencia dirixindo clubes de lectura, ofrecendo sesións de contacontos, e demais actividades relacionadas co mundo da literatura.
Hermosa explicou técnicas básicas para redactar textos cunha linguaxe inclusiva e igualitaria, ademais de ver fórmulas expresivas para levar ao papel sentimentos de maneira imaxinativa e reflexionando ao mesmo tempo sobre a desigualdade de xénero, as violencias exercidas contra as mulleres e nenas, a igualdade, a xustiza, a fortaleza e a construción dunha historia tamén en feminino.
A declaración institucional, a pleno o xoves
O xoves á tardiña -19:30h- celebrarase a sesión ordinaria do pleno municipal correspondente ao mes de novembro. Entre os temas que se incluirán na orde do día prevese o sometemento a votación da declaración institucional con motivo do 25-N que, case con toda probabilidade, será consensuada polos tres grupos municipais durante a comisión informativa previa ao pleno.