A concelleira Yoya Neira participou na presentación dunha ininiciativa quechegará a Roma e Bordeos
Na xornada presentáronse os resultados dun estudo de dúas investigadoras do CSIC sobre este proxecto, que cumpre a súa sexta edición
A concelleira responsable da Área de Benestar Social, Yoya Neira participou na xornada de apertura do proxecto ‘De maior crea’, que se realizou na Fundación Barrié.
‘De maior crea’ é unha iniciativa educativa impulsada polo Concello, e dirixida a persoas de máis de 50 anos, que naceu en 2018. O seu obxectivo é desenvolver a creatividade daspersoas participantes a través de talleres de aprendizaxe das linguaxes cinematográficas, teatrais e musicais. As persoas maiores son as protagonistas e realizan a súa propia formación como produtoras, actrices e actores, editoras, compositoras, intérpretes, cámaras ou guionistas. A actividade desenvólvese nos centros cívicos municipais.
Neira destacou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa oferta de actividades de lecer para as persoas maiores nos centros cívicos municipais, tanto as tradicionais como proxectos tan innovadores como ‘De maior crea’. “Os centros cívicos sérvennos para loitar contra a soidade non desexada non só porque son centros de socialización para as persoas maiores, senón tamén porque nos serven de antenas para detectar posibles situacións de risco”, sinalou Neira.
Pola súa banda, Manuel Gómez, codirector de ‘De maior crea’ xunto a Domingo D. Docampo,
sinalou que o programa se presentou en Roma e Bordeos para replicar o proxecto en ambas as cidades.
Así mesmo, destacou que o programa coruñés foi a base para un estudo de investigación do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Educación a Distancia (UNED) no que se comparou o estado ‘bio-psico-social’ das participantes do programa ‘De maior crea’ cun grupo de persoas que asisten a actividades nos centros cívicos da cidade aplicando parámetros como a perspectiva de xénero, o nivel sociocultural e económico e o estado de saúde, ente outros. O estudo realizouse coa colaboración de responsables da Área de Benestar Social do Concello e dos centros cívicos.