A Costa da Morte celebrá mañá martes, 28 de novembro, o III Encontro de Turismo de Costa da Morte, no Complexo Turístico A Torre de Laxe, no Concello de Laxe. Esta cita anual é un espazo de celebración do traballo en rede, de intercambio de ideas, experiencias e propostas, así como de posta en valor do traballo da CMAT para impulsar o crecemento económico e social do xeodestino a través do Turismo.
Abrirá a xornada e dará a benvida o presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño, para dar paso a Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, que falará sobre o futuro do turismo en Galicia e na Costa da Morte. Posteriormente, Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, dará a coñecer o impacto no territorio dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino. Da evolución do destino e a traxectoria da CMAT falará Marta Rodríguez, responsable da Secretaría Técnica da CMAT.
Haberá tempo para compartir os resultados da implantación do SICTED, aprender novas fórmulas de promoción na rede e as oportunidades para a astrofotografía e o astroturismo a través de Emilio Cuíñas, de Autoxiro; Nuria P. Espasandín, de Toxío.gal e Óscar Blanco, de Trevinca Skies. O presidente de APTCM, Pepe Formoso, rematará a quenda de relatorios falando do asociacionismo empresarial como motor de cambio no desenvolvemento turístico do xeodestino, para xa dar paso á entrega do recoñecemento Embaixador da Costa da Morte 2023 ao catedrático baiés Jorge Mira, por parte de Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra.
O alcalde anfitrión, José Luis Pérez Añón, alcalde de Laxe, pechará a xornada. O III Encontro de Turismo da Costa da Morte rematará cun cóctel que facilite o traballo en rede. A actividade está organizada pola CMAT e financiada pola Xunta, a través dun convenio con Turismo de Galicia.