Ao encontro asistiu o deputado provincial responsable, Antonio Leira, que resolveu as dúbidas dos representantes dos diferentes clubs deportivos da cidade.
Co gaio da convocatoria de axudas deportivas da Deputación da Coruña, o PSOE compostelán organizou un encontro coas entidades deportivas da cidade co fin de achegar a convocatoria aos clubs da cidade “para resolver dúbidas e facilitar os trámites”.
Un encontro ao que asistiron preto dunha trintena de entidades deportivas e na que participou o deputado provincial responsable da materia, Antonio Leira, que destacou o compromiso da Deputación da Coruña co deporte en xeral, e o deporte base en particular.
“Queremos ser útiles á veciñanza e ás entidades sociais, e esta é unha forma máis de facelo” explicou Aitor Bouza, o secretario xeral dos socialistas en Compostela, que recalcou ademais que esta foi “unha primeira toma de contacto do sector deportivo da cidade” aínda que anuncia xa unha rolda de contactos con cada entidade “para coñecer de primeira man a situación e as necesidades do deporte en Santiago”.