Xornada de reflexión, sensibilización e reivindicación. A Pobra do Caramiñal condenou as actitudes machistas neste 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cos actos centrais que marcaron o punto final á programación da campaña municipal Desmárcate! que se viviu con intensidade ao longo de todo o mes.
Uxía Morán representou no Cantón da Leña a A última cea. Vestida de noiva, cunha bandexa prateada, pratos negros e un xogo de cubertos, a actriz ofreceu ante o público congregado un retrato da muller maltratada e as distintas fases dunha relación na que se vive violencia de xénero. A ilusión da muller camiño do altar vaise diluíndo cos primeiros golpes, situación que se recrúa co paso do tempo ata que chega a acción máis atroz: o feminicidio.
Tras esta posta en escena, aínda co arrepío no corpo e a reflexión na mente das persoas asistentes, a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, quixo dar traslado de datos do Ministerio do Interior do 2023 e da Macroencuesta do 2019 como, por exemplo: 1 de cada 2 mulleres (57’3%) residentes en España de 16 ou máis anos sufriu violencia ao longo das súas vidas por ser mulleres; máis de 2’8 millóns de nenas e mulleres residentes en España de 16 ou máis anos sufriu violencia sexual nalgún momento da súa vida; 8 violacións son denunciadas cada día no territorio estatal; case o 90% das vítimas de delitos contra a liberdade sexual son mulleres e nenas; o 95% dos responsables dos delitos contra a liberdade sexual son homes; ou que un 57’9% de mulleres entre 18 e 35 anos que concertaron citas a través de aplicacións sentíronse baixo presión para manter relacións sexuais.
“Con todos estes datos non se poden tolerar discursos negacionistas por parte de ningunha institución, organización ou persoa, sobre unha realidade na que as mulleres, as súas fillas e fillos, seguen sendo sometidos a unha situación de violencia que nalgúns casos remata da peor maneira posible: sendo asasinadas e asasinados. Debemos unirnos de maneira conxunta e unánime para poñer fin a esta lacra social que é a violencia machista”, declarou contundente a edil acompañada de membros da corporación municipal e traballadoras do Departamento da Igualdade.
Deseguido, deu lectura ao manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) no que se expón “a firme convicción e determinación das entidades locais galegas para erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas e achegados e achegadas, vítimas todas de machismo. Repudiamos calquera forma de agresión machista tanto no eido persoal coma laboral. Dende o municipalismo facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto das institucións coma da cidadanía, e apostamos pola información e concienciación sobre os dereitos e ferramentas aplicables para cada situación, facendo o que estea na nosa man tanto no noso espazo como fóra del, para que quen os precise acceda a eles.” E proponse, ademais, un decálogo do bo trato.
Finalmente, as persoas asistentes gardaron un minuto de silencio na memoria de tódalas vítimas.