Saturday 16 de November de 2024

O Concello investirá case 100 millóns de euros para acometer obras de melloras en todos os barrios da Coruña en 2024


O orzamento do vindeiro ano reserva unha partida específica de 9,4 millóns de euros para 275 entidades da cidade

O executivo local incrementa os fondos para Benestar Social en 4 millóns de euros con respecto ao ano pasado

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este sábado a sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local convocada para aprobar o expediente correspondente ao proxecto dos orzamentos xerais do Concello da Coruña para o ano 2024.

Os Orzamentos 2024, os máis elevados da historia da cidade, con 375 millóns de euros, entrarán en vigor en xaneiro do próximo ano. “Son uns orzamentos ideados para seguir avanzando na construción dunha Coruña na que as persoas sexan as protagonistas.

Queremos unha cidade máis humana, socialmente xusta e onde todas e todos teñan igualdade de oportunidades”, expuxo a rexedora. Rey lembrou que se trata dun orzamento netamente expansivo e pensado para respaldar o impulso dado á cidade desde o ano 2019, axudando á modernización e renovación das súas infraestruturas cun claro carácter social.

Máis de 93 millóns de euros en investimentos en obras na cidade

O novo orzamento contempla unha partida de máis de 93 millóns de euros para investimentos en todos os barrios da Coruña. Trátase da maior contía destinada a obras na historia do Concello, que permitirá actuar en todos os barrios da cidade con con actuacións moi relevantes. A contía destinada a obras sae da suma dos 75,1 millóns de euros do capítulo de Investimentos Reais, mais 18 millóns recollidos en transferencias correntes co mesmo fin.

A cifra inclúe os créditos precisos para iniciar as obras no novo mercado de Santa Lucía (1,6 millóns), na Falperra, e finalizar a restauración da Casa Veeduría, na Cidade Vella.

Tamén se inclúen, por outra banda, as 17 intervencións cofinanciadas con fondos Next Generation e xa licitadas a finais de verán, para as que se consignan os fondos para executalas no 2024. Tamén se inclúen as anualidades correspondentes á aportación municipal nas obras de execución do Novo CHUAC —8 millóns de euros— e a nova estación intermodal de San Cristovo —6,1 millóns de euros—.

Nestes 93 millóns inclúese un Plan de Humanización nos Barrios na Cidade, con medidas a abordar nos diversos distritos da cidade, por valor específico de 26 millóns. “O obxectivo deste plan é seguir mellorando a calidade e accesibilidade dos espazos públicos urbanos, e dotar de novas infraestruturas e equipamentos aos barrios, reforzando o seu mantemento”, indicou Rey. Isto suporá a creación de máis espazos con prioridade peonil, novas áreas verdes e, espazos de xogos e lecer para a cidadanía.
As intervencións previstas estenderanse a todos os barrios e terán especial incidencia en Xuxán, Agra do Orzán, Monte Alto, Sagrada Familia, O Ventorrillo e os núcleos da Silva e Cances, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón, Palavea, Barrio das Flores, Eirís, Elviña, O Birloque, Martinete, Someso, Mesoiro Vello, Novo Mesoiro, Labañou, Visma, O Portiño e Os Rosales.

Ademais dos 5 millóns consignados ao Plan de Accesibilidade dos Barrios, estímanse investimentos específicos como as obras de humanización dos Cantóns entre Juana de Vega e a sede da Autoridade Portuaria (7,6 millóns); a peonalización da rúa Sagrada Familia (1,1 millóns); o acondicionamento do espazo público entre a rúa José María Hernansáez e a praza da Concordia, no Castrillón (1 millón de euros); as obras de urbanización do Camiño do Cura, nos Rosales, para facilitar o tránsito peonil (250.000 euros); e as melloras na accesibilidade ao Castro de Elviña (150.000 euros).

Melloras nas infraestruturas e áreas verdes públicas da cidade

Esta partida orzamentaria de 93 millóns tamén inclúe dotacións concretas para a reforma do elevador do monte de San Pedro (750.000 euros); as obras necesarias para completar a reposición do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane (600.000 euros). Por outra banda, tamén se inclúen 2,5 millóns de euros para renovar e mellorar equipamentos correspondentes a Centros Cívicos e Bibliotecas.

Os Orzamentos 2024 incorporan 5 millóns en fondos para a posta en marcha do novo Plan de Parques Infantís. Ademais, as áreas municipais de Infraestruturas e Medio Ambiente traballarán de forma conxunta na primeira fase de creación do parque do Vixía, en Monte Alto (1,2 millóns), así como na segunda fase do plan de mellora do parque de Santa Margarida (600.000 euros).

Medio Ambiente tamén acometerá un plan de mellora das áreas caninas, con énfase na cala de Bens, incluída como praia canina na recente modificación da Ordenanza para a Protección e Tenza de Animais, en vigor desde finais de setembro. 4,6 millóns en fondos para rehabilitación

A alcaldesa, Inés Rey, tamén destacou hoxe as iniciativas municipais en materia de vivenda que se acometerán durante o vindeiro ano. En primeira instancia, consignáronse fondos de cara á construción dun edificio de 50 vivendas de protección pública (VPP) en Xuxán. E, ademais, nos Orzamentos 2024 incluíronse dúas convocatorias de subvencións á rehabilitación e accesibilidade a vivendas, dun millón de euros cada unha.

Tamén se inclúe unha partida de 1,1 millóns de euros correspondente ao plan de melloras no Entorno Residencial de Rehabilitación Programado (ERRP) do Barrio das Flores, que terá réplica, con fondos específicos, nos ERRP de Labañou, O Ventorrillo e Cidade Vella.

En total, o Concello da Coruña disporá de 4,6 millóns de euros en 2024 para acometer medidas de rehabilitación en materia de vivenda.

Novas bibliotecas municipais nos barrios de Novo Mesoiro e Palavea

O investimento previsto para mellorar as Bibliotecas Municipais e os Museos Científicos Coruñeses estímase en 4,5 millóns de euros.

Entre as iniciativas máis destacadas das que se porán en marcha en 2024 destaca o procedemento que iniciará o Concello para dotar ao barrio de Novo Mesoiro dunha nova biblioteca pública así como un espazo de lecer para a mocidade (1,5 millóns). Ademais, en Palavea, abordarase a transformación do mercado do barrio, en desuso actualmente, para reconvertilo en biblioteca municipal, cunha nova aula TIC (430.000 euros).

Xa no tocante aos Museos Científicos Coruñeses, o Concello ten reservada unha partida de 1,5 millóns para acometer diversas tarefas, entre as que figuran a renovación do peche perimetral do Aquarium Finisterrae, a impermeabilización da cúpula da Casa das Ciencias e as melloras necesarias na cuberta da Domus, entre outras actuacións extra.

Acondicionamento dos recintos culturais e melloras nas infraestruturas deportivas

Os Orzamentos 2024 inclúen 2 millóns correspondentes ao plan de acondicionamento dos recintos culturais. A maiores, e xa no referente á Concellaría de Deportes, os orzamentos inclúen unha partida de 1,3 millóns para rehabilitar diversas instalacións deportivas e educativas, que tamén inclúen a Cidade Deportiva da Torre ‘Arsenio Iglesias’. Tamén se estima a dotación orzamentaria precisa para elaborar un Plan Director de Instalacións Deportivas, que analice as necesidades existentes para acometer as melloras pertinentes nas infraestruturas municipais.

Aumento do orzamento social adicado á dependencia

Inés Rey tamén destacou está mañá que “o Concello incrementará en catro millóns de euros o investimento social con respecto ao ano pasado. E aumentarase, con especial énfase, a partida orzamentaria específica adicada á dependencia”, o que permitirá, na práctica, un reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Tamén está previsto aumentar as bolsas comedor e manter programas como o de canguraxe “coa idea de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar”.

Consignaranse 1,2 millóns para o programa da Renda Social Municipal e 1 millón de euros para o programa de Emerxencia Social. Tamén se acometerá a revisión dos programas do Bonotaxi e o Talón Restaurante, así como a posta en funcionamento dun novo programa de cohabitación para as persoas maiores que viven soas, unha iniciativa que se levará a cabo ao abeiro do plan municipal Coruña Acompaña.

Tamén se impulsará o Plan Municipal de Saúde Mental para a súa implantación xa no ano 2024, e comezarase a redacción dun Plan de Inclusión Social co obxectivo de facer fronte a problemas de convivencia e drogadicción, atendendo estas cuestións de forma transversal.
En total, a Área de Benestar Social percibirá 4 millóns de euros máis que no actual exercicio.

Apoio ao tecido social

Por outra banda, o Concello reforzará o seu apoio ao tecido asociativo e veciñal da cidade, achegando 9,4 millóns de euros a través de convenios nominativos e transferencias. Desta forma, o Goberno de Inés Rey aportará financiamento a 275 entidades coruñesas que desenvolven un papel esencial nos ámbitos culturais, sociais e deportivos da Coruña, entre outros. “As entidades desta cidade saben que poden contar co noso apoio porque o seu traballo é esencial”, indicou a alcaldesa.