Saturday 16 de November de 2024

Paderne xúntase para rexeitar a “inadmisible dor” que xeran as violencias contra a muller


 No acto aberto á veciñanza, o executivo local presentou á xente a súa campaña ‘O Amor non Doe’, fixo lectura do manifesto co que recalcou o seu afán por axudar ás vítimas e concienciar á sociedade e gardou un minuto de silencio polas vítimas dos feminicidios.

 Fina Calvo, poetisa local, recitou un poema feito para a ocasión dirixido “a todas as mulleres que foron e son maltratadas”.

O Concello de Paderne abriu as súas portas nesta mañá do 25 de novembro para acoller un acto co que os representantes da institución municipal quixeron reiterar o seu rexeitamento á “inadmisible dor” que teñen sufrido e sofren moitas mulleres por mor das violencias contra elas polo simple feito de ser mulleres. O alcalde, Sergio Platas, presidiu unha iniciativa á que acudiu a veciñanza para xuntarse nesa fronte común e axudar a acabar con esta lacra social.
Platas lembrou a “obriga” do Concello de Paderne como institución de “alzar a voz hoxe e sempre” nunha xornada que “por desgraza aínda é moi necesaria” porque é preciso “insistir en que os valores de respecto entre todos e todas prevaleza”. O rexedor insistiu en que a sociedade non se pode permitir “ningún caso máis” e lembrou a altísima cifra de feminicidios neste 2023, que xa é de 52 en toda España. Nos derradeiros 10 anos, o número xa é de 1.237, “case a metade da poboación de Paderne”. “Son díxitos que nos deberían facer reflexionar”, lamentou.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisa Abrodos, aproveitou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller para presentar á veciñanza a campaña municipal ‘O Amor Non Doe’, que pretende adquirir continuidade ao longo dos vindeiros anos como unha forma para “axudar a instalar na sociedade os valores axeitados”. “Ter sufrido por desamor non é o mesmo que aceptar que nunha relación afectiva, sexa do tipo que sexa, exista lugar para a dor. Afecto é o contrario á dor. Significa cariño, respecto, compañía e benestar. Por iso no amor non cabe ningún tipo de violencia”, expresou Abrodos.
Seguidamente, os dous edís xunto con Ángel Germade, concelleiro de Economía, Emprego e Desenvolvemento, expresaron nun manifesto conxunto o compromiso do Concello de Paderne de “continuar conmemorando o 25N como medida para elevar a conciencia social sobre esta problemática, desenvolver medidas de prevención e sensibilización entre a poboación e continuar coas iniciativas de apoio ás vítimas”.
A esta lectura tamén se sumou Fina Calvo, poetisa local, que quixo ofrecer un poema creado para a ocasión “a todas as mulleres que foron e son maltratadas”. “La vida es muy corta y tenemos derecho a vivirla en libertad. El derecho que condicione tu vida, no es cariño de verdad”, recitou entre outros versos nunha emotiva composición coa que o acto deu paso á colocación da bandeira de loito polos feminicidios na fachada da Casa Consistorial e ao minuto de silencio para lembrar a todas as vítimas asasinadas.