Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Boqueixón pon o broche de outro ás actividades organizadas polo 25N coa instalación de dous bancos violeta


Buscan converterse nun símbolo do rexeitamento da violencia contra a muller por parte da veciñanza de Boqueixón

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, e as técnicas do Centro de Información á Muller de Boqueixón, Cristina Carbajales e Yolanda Neira, inauguraron hoxe os dous primeiros bancos violetas do municipio. Un mobiliario co cal “o Concello de Boqueixón quere facer público o seu compromiso coas vítimas e as súas familias do rexeitamento da lacra social que supón a violencia de xénero, así como concienciar que hai que apoiar ás vítimas, acompañalas e axudalas”, apunta Ángela Conde.

Uns bancos que visibilizan no mobiliario urbano o rexeitamento da violencia contra a muller e supoñen tamén un símbolo de unión de toda a veciñanza na loita contra o maltrato, contra a violencia machista. “Que mulleres e homes se poidan sentar a reflexionar sobre a necesidade de contribuír e loitar na violencia contra a muller é un chanzo para traballar na súa erradicación”, conclúe Conde Leis.

Nas táboas do banco pódese ler o lema do CIM: “ As mans para loitar non para ferir. A fala para acariñar, non para anular”. Esta actuación do Concello de Boqueixón está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023.