O periodo medio de pago no terceiro trimestre de 2015 foi de 11,44 días
O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá por unanimidade dedicar a obras un total de 436.592 euros dos 553.592 euros de investimento correspondentes ao Plan de Acción Social (PAS) e ao Plan de Obras e Servizos (POS) 2016. Os 117.000 euros restantes dedicaranse a gasto corrente, concretamente a mantemento e limpeza viaria, alumeado público e mantemento de parques.
Os proxectos incluídos no PAS 2016 suman un total de 318.422 euros. A maior cantidade de cartos, máis de 100.000 euros, destinarase a mantemento de camiños municipais, concretamente nas aldeas de Babenzo, Baliño e Alqueidón (49.209 euros) e na conexión de Guisande (parroquia dos Ánxeles) coa AC-300 Os Ánxeles – A Picaraña (66.591 euros). Así mesmo, destinaranse outros 100.000 euros para a reparación e mellora da envolvente exterior do centro social polivalente (32.887 euros) e do pavillón municipal de deportes (66.554 euros). Trátase dunha mellora para mellorar o illamento térmico de ambas instalacións.
O PAS 2016 complétase con 32.783 para instalar pavimento continuo en dous parques infantís situados nas urbanizacións “Devesa da Gándara” e “Monte Devesa” e con 71.398 euros para a ampliación das redes municipais de abastecemento e saneamento nas aldeas de Coruxido e Bastavaliños (parroquia de Bastavales).
POS 2016
Ademais dos 117.000 euros destinados a gasto corrente, o POS 2016 inclúe dous proxectos de obras por importe de 118.170 euros. Os dous proxectos son: o mantemento de beirarrúas nas parroquias de Bastavales e Os Ánxeles (31.782 euros) e o mantemento e mellora das pistas de acceso ás aldeas de Goiáns, Ombre e Vilar, así como o tramo de conexión con Esparís e o tramo entre as aldeas de Guitiande e Adoufe (86.388 euros).
No debate dos proxectos, o alcalde de Brión, José Luís García, convidou aos grupos da oposición a achegar tamén as súas propostas. “Sei que é difícil dicir non a estas obras, pois todos coincidimos en que son moi necesarias para os veciños. Pero se teñen algunha proposta, non dubiden en traela antes do debate en pleno”, pediulles García.
Outros asuntos
O pleno municipal tamén aprobou definitivamente a ordenanza fiscal reguladora do prezo público das instalacións deportivas municipais. Finalmente, o secretario municipal informou de que o prazo medio de pago a provedores no terceiro trimestre de 2015 foi de 11,44 días, moi por debaixo dos 30 días recomendados pola lei. Así mesmo, deu conta de que o Concello de Brión cumpre co principio de estabilidade orzamentaria e que non se incorre en morosidade algunha.