Suspendeu de emprego e soldo a un funcionario sen probar os feitos dos que o acusaban e a pesar do informe contrario da Secretaria.
Son constantes os problemas de falta de persoal, como por exemplo, no Conservatorio ou na Policía Local.
O BNG xa demandou a demisión da Concelleira en varias ocasións.
O Concello de Culleredo foi condenado por suspender de emprego e soldo un funcionario, o xefe do servizo de Medio Ambiente, Servizos e Obras, sen probas, sen escoitar a súa versión dos feitos e de xeito desproporcionado. A sentenza é unha guinda para un pastel da administración totalmente ineficaz e xa de xeito crónico da concelleira de Persoal, a sra. Marta Figueroa, á quen o BNG xa pediu a demisión anteriormente.
A Secretaria Municipal xa advertira en contra desa medida, ata en dúas ocasións, por basarse “en opinións subxectivas e probabilidades apreciadas pola concelleira delegada de seguridade ciudadá e persoal”, e aínda así optouse pola vía da discrecionalidade.
Agora xa se acumulan dúas sentencias. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratifica que se vulneraron os dereitos do funcionario, como o da defensa xusta, non se optou pola medida menos restrictiva con eses dereitos. Ademais, a medida tomada non serviu para conseguir o obxectivo de asegurar o normal funcionamento do servizo.
O BNG pedirá ao pleno municipal a reprobación da concelleira e que abandone a súa acta de concelleira, así como que pague as costas do seu peto, e ademais, que o Concello de Culleredo non siga recorrendo a sentenza e restitúa no seu posto ao funcionario suspendido.
A Concelleira é responsable da falta de persoal
A todo o anterior hai que engadir os problemas de funcionamento dos servizos municipais debido á falta de persoal, unha cuestión que xa está enquistada e que leva anos denunciando o BNG.
O conservatorio municipal de música padece constante insuficiencia de profesorado debido a que as baixas non son cubertas a tempo e, incluso, o presente curso comezou con retraso debido a falta de varios docentes.
Na policía local tamén se sufre esta situación, agravada porque a convocatoria de novas prazas faise tarde, mal e a rastro e aínda por riba é denunciada polos aspirantes debido a defectos graves de forma. O BNG xa propuxera utilizar a Academia Galega de Seguridade Pública para garantir o proceso e liberar de carga ao Concello de Culleredo, mais a idea non foi aceptada.
Ademais, no mesmo Pleno no que se solicitará a reprobación da Concelleira, debaterase sobre a revisión de oficio das convocatorias de promoción interna que causan gran inseguridade xurídica para o funcionariado participante por non axustarse á legalidade.
O BNG xa pedira a demisión da concelleira de Persoal a principios de 2022, cando xa empezaron a ser insostibles os problemas de falta de profesorado no conservatorio e pola publicación da sentenza que inhabilitaba a unha funcionario do servizo xurídico para ocupar emprego público, a pesar do cal, segue traballando no concello de Culleredo.
O Alcalde retirou a moción da Orde do Día contradicindo o acordo da Xunta de Voceiros
Na Orde do Día do Pleno Ordinario convocado para o vindeiro martes 28 de novembro, ás 20:00 horas, o Alcalde non incluíu esta moción, contradicindo o acordo para compoñer dita Orde do Día tomado pola Xunta de Voceiros. Esta acción, totalmente inxustificada e contraria a dereito, foi recurrida polo Grupo Municipal do BNG de Culleredo, que procurará a inclusión deste punto no debate, xa que a reprobación debe ser votada polo Pleno da Corporación.