Saturday 16 de November de 2024

A Xunta financia a actividade científica de 108 grupos e proxectos de investigación, aos que destina 17,3M€


— As consellerías de Educación e de Economía apoian os equipos máis competitivos do sistema de I+D+i galego: 48 na USC, 21 na UVigo, 16 na UDC e 23 noutros organismos

— O Goberno galego leva mobilizado máis de 223M€ para estes grupos, o que garante que hoxe haxa 287 en activo, o máximo histórico acadado ata o de agora

A Xunta de Galicia apoia o funcionamento dos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o período 2023-2027, cunha inxección de 17,3M€ por parte das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación.
A través de ambos departamentos, o Goberno galego financia o funcionamento estrutural e estable dun total de 108 grupos e proxectos de investigación do sistema de I+D+i de Galicia, 85 deles nas tres universidades públicas (48 na USC, 21 na UVigo e 16 na UDC) e os outros 23 noutros organismos científicos públicos de investigación en Galicia, nas fundacións galegas de investigación sanitária, na Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación para desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso. Trátase, por tanto, dunha acción que permitirá seguir dotando o sistema investigador de estabilidade e impulsando a súa excelencia.

Con cargo á mesma, o Goberno galego leva mobilizado máis de 223 millóns de euros para estas entidades grupais, o que garante que a día de hoxe haxa 287 grupos cunha actividade investigadora constante, o máximo histórico acadado ata o de agora.

Excelencia e competitividade
A convocatoria resolta inclúe o apoio a Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), a Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B) e a Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C).

Nesta convocatoria, benefícianse un total de 31 Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), a razón de 26 nas universidades públicas galegas e cinco noutros organismos de investigación de Galicia, que reciben entre 200.000 e 400.000 euros en función dunha contía estrutural e outra variable asociada á súa evolución e xeración de recursos. Estes grupos caracterízanse por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

Os Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B) son aqueles que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia. Neste caso hai 46 beneficiados (39 grupos nas universidades e 7 noutras entidades investigadoras), que disporán de axudas ao longo de tres anos cunha contía máxima que oscila entre os 90.000 e os 120.000 euros para o período.

A Modalidade C, destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, benefícianse un total de 31 proxectos (20 deles nas universidades e 11 noutras entidades investigadoras). Neste caso refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do Programa Ramón y Cajal, do Juan Rodés e do Miguel Servert, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.

Contratación de persoal e gastos diversos
As axudas das tres modalidades van destinadas ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e custos de matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.

Tamén son conceptos subvencionables as estadías de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas de apoio económico por parte do Goberno galego para a consolidación dun sistema galego de I+D+I que camiñe cara á excelencia e cara ao recoñecemento internacional, a través de convocatorias como esta ou as dirixidas ás estruturas supragrupais, como son os oito centros de investigación acreditados das tres universidades galegas agrupados baixo o selo identificativo CIGUS, Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego.