Máis de 20 firmas, asociadas a comercios e produtores de proximidade, habilitarán os seus postos ao longo da mañá. A programación estenderase de 10.00 a 15.00 horas
O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, promove este domingo 26 de novembro unha nova edición dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que volven ao Parque Europa, entre os barrios de Catro Camiños e A Gaiteira. A programación estenderase de 10.00 a 15.00 horas.
Neste sentido, máis de 20 firmas, correspondentes a comercios e produtores de proximidade, habilitarán os seus postos de venda no parque durante a mañá. As propostas e produtos que estarán á disposición das persoas asistentes van en sintonía cos principios básicos de economía circular e compra sostible promovidos polo Concello, que aposta pola reutilización, reciclaxe e redución do consumo de recursos para contribuír a diminuír a contaminación ambiental e mitigar o impacto do cambio climático.
Desta forma, as persoas que se acheguen ao Parque Europa este domingo 26 poderán adquirir produtos de repostaría saudable, procedentes de granxas e hortas ecolóxicas (froita, verduras, mel…) e tamén diversos útiles elaborados de forma artesanal.
Ademais, sempre e cando a previsión meteorolóxica sexa favorable, haberá actividades abertas á cidadanía e ideadas para todos os públicos, con obradoiros de dinamización infantil e un concerto a modo de peche. Como xa é habitual nos Mercados Ecolóxicos
Municipais, a asistencia será de balde. Os horarios son os seguintes:
● De 10.00 a 15.00 horas: espazos de dinamización infantil e troco de roupa.
● De 11.30 a 12.30 horas: obradoiro de pingüíns.
● Desde as 13.00 horas: concerto de The Flows.
Así funciona o formato rotativo dos mercados ecolóxicos municipais
Co fin de poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ética e local ao maior número de persoas, o Goberno de Inés Rey está a dar continuidade ao novo formato rotativo dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que estenderá este evento polos diversos barrios da cidade nos vindeiros meses.
A outra gran novidade deste formato dos Mercados Ecolóxicos Municipais é a súa realización todas as fins de semana do mes: o primeiro e o terceiro domingo, no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. Xa o último domingo do mes, o mercado vai rotando por distintos barrios e localizacións, como Novo Mesoiro, o Parque Europa de Catro Camiños e a praza de San Cristovo, nos Mallos.
Neste sentido, hai dúas modalidades de mercado: o mercado ecolóxico, que é o que se realiza no Campo da Leña, e o mercado de compra sostible, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña están especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e sostibles na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na praza da Tolerancia, e outras localizacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra dos 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para a xente máis pequena.
Todos os mercados se realizan no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. A este respecto, a información relativa a cada unha das sesións que se realizan pódense atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas do Concello da Coruña.