Un total de 264 nenos e nenas participaron nunha andaina polo 25N organizada polo Concello de Boqueixón, a través do Centro de Información á Muller, en colaboración co centro educativo CPI Antonio Orza Couto e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Unha andaina na que participaron o alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, así como persoal do CIM e profesorado do CPI Antonio Orza Couto.
Esta iniciativa estivo enmarcada dentro da programación pola conmemoración do 25-N e desenvolveuse baixo o lema Camiño ao Respecto. Un total de 264 rapaces e rapazas de todas as idades do CPI Antonio Orza Couto percorreron unha pequena ruta no Forte, para que tamén puideran participar as crianzas máis novas.
O Concello de Boqueixón regalou un peto reflectante a todos os participantes, no que se lía o lema do CIM: “A mans para loitar, non para ferir, a fala para acariñar, non para anular”. Ao rematar a andaina tivo lugar unha concentración, na cal o alcalde Ovidio Rodeiro destacou a importancia da educación na prevención da violencia de xénero, dando paso a unha das alumnas que deu lectura a un manifesto. Nel destacou que “a violencia contra as mulleres so pode admitir a repulsa como resposta, tanto por parte dos poderes públicos como da sociedade, que no seu conxunto debe avanzar con paso firme cara o camiño da igualdade”. O acto finalizou cun minuto de silencio en homenaxe ás vítimas de violencia xénero.