A xente máis nova de Neda encabezou, unha vez máis, a “Marcha polo bo trato”. Alumnado dos centros educativos públicos do municipio –1º da ESO do IES Fernando Esquío, e último curso dos CEIP San Isidro e Maciñeira- protagonizaron esta mañá a andaina reivindicativa convocada con motivo do Día da Eliminación da violencia contra a muller, que finalizou na Casa da Cultura coa lectura de lemas e reflexións sobre o tema por parte dos estudantes.
Baixo o lema de “Movémonos polo bo trato”, a marcha arrancaba pasadas as 10.30 horas das inmediacións do albergue de peregrinos, con destino á Casa Consistorial. En cuestión de media hora, estudantes e veciños e veciñas, entre eles o alcalde e outros representantes municipais, que decidiron
sumarse á iniciativa, completaron o itinerario ata chegar ao Concello.
Neste punto fíxose un minuto de silencio por todas as vítimas da violencia de xénero e, a continuación, procedeuse á colocación da pancarta oficial no balcón do Consistorio
Despois, a rapazada continuou camiño ata chegar á Casa da Cultura onde, como vén sendo tradicional, procederon á lectura de textos, lemas e reflexións sobre a necesidade de traballar pola igualdade real entre homes e mulleres, e seguir loitando para acabar coas distintas formas de violencia machista que seguen instaladas na sociedade.
A iniciativa, na que colaboraron efectivos de Protección Civil e Policía Local, forma parte da programación especial deseñada para conmemorar o 25N na localidade e terá continuidade mañá, coa iluminación especial da Casa Consistorial, e o xoves coa primeira Mesa local de coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero.