No 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal organizou para esta xornada unha serie de actividades dirixidas aos centros educativos da primaria (Pilar Maestú Sierra e Salustiano Rey Eiras), no marco da campaña municipal Desmárcate!
Xa na praza Alcalde Segundo Durán e durante a apertura do acto, a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, fixo fincapé no papel vital que xoga a comunidade educativa na educación en igualdade para contribuír a elimina-la violencia machista.
Deseguido, alumnado dos referidos colexios procedeu coa lectura de actitudes e conceptos para, entre todas/os, distinguir se eran positivos e debían persistir ou, pola contra, negativos e tiralos no lixo.
Tamén houbo oco para a música cun tema que versa sobre a igualdade, composto e cantado polo propio estudantado.
E xa con paraugas na man co lema Desmárcate! e o cancelo #apobracontraaviolenciamachista, a marea morada formou o símbolo da muller.
A programación estendeuse ao longo de todo o mes de novembro e chegará á fin no propio día 25 cos actos centrais abertos a toda a veciñanza, no Cantón da Leña. A partir das 12.00 horas, haberá unha concentración, a performance “A última cea”, de Uxía Morán, a lectura dun manifesto e un minuto de silencio.