Entregadas en Tomiño as distincións do concurso promovido pola Fundación Juana de Vega no que este ano participaron 38 municipios galegos
O concello pontevedrés de Tomiño acolleu este mediodía a gala de entrega das Flores de Honra do certame Vilas en Flor, promovido pola Fundación Juana de Vega en colaboración con ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste) e AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería). O evento distingue aquelas políticas municipais orientadas á protección e posta en valor dos espazos verdes como parte fundamental da calidade de vida da veciñanza. San Sadurniño, que leva varios anos participando na convocatoria, recibiu por terceiro ano consecutivo un total de tres flores de honra, en recoñecemento da súa aposta pola sostenibilidade, o adecentamento de lugares de uso público e os proxectos de desenvolvemento territorial que ten en marcha.
O premio recolleuno o alcalde, Secundino García, quen acudiu a Tomiño na compaña do titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela. Ambos expresaron a súa satisfacción por un galardón “que confirma que estamos traballando no camiño correcto para seguir transformando San Sadurniño nun lugar onde dea gusto vivir e onde a xente que nos visita tamén se sinta a gusto”.
As Flores de Honra son os distintivos que se lles conceden anualmente aos municipios participantes no programa Vilas en Flor, segundo o criterio dun xurado formado por paisaxistas e profesionais da arquitectura e o urbanismo.
Hai cinco niveis: de 1, 2, 3, 4 ou ata 5 Flores de Honra, asignadas segundo o patrimonio vexetal e paisaxístico, as boas prácticas ambientais e de sustentabilidade e as actividades sociais, turísticas e de comunicación que se leven a cabo en cada concello participante, sempre que sexan coincidentes coa filosofía do certame.
San Sadurniño obtivo en 2021 e 2022 tres Flores de Honra, confirmadas de novo na presente edición dun certame no que participaron un total de 38 municipios de Galicia. Ningún participante chegou nunca, polo momento, ás cinco flores.
A implantación en Galicia do movemento débeselle á Fundación Juana de Vega en colaboración con ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste) e AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería), cuxos obxectivos son promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios do país de menos de 40.000 habitantes, contribuíndo con iso a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza xunto coa imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas.
Ademais, Vilas en Flor tamén pretende fomentar a formación, a reflexión e o debate arredor da xestión sostible das vilas e cidades, na liña de que xardíns, parques e demais lugares da denominada “infraestrutura verde” sexan punto de encontro e de relacións sociais interxeracionais.
O certame contou este ano co patrocinio da Consellaría de Medio Ambiente e das firmas comerciais Husqvarna e Rain Bird.