O Goberno Local pechou o acordo orzamentario co BNG para impulsar a dinamización económica da cidade, a revitalización dos barrios, o benestar social, a igualdade de oportunidades e a mobilidade sostible
Inés Rey avanzou que neste mandato se executará a obra de humanización dos Cantóns, á que se destinarán 7 millóns de euros
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo voceiro do BNG, Francisco Jorquera, avanzou está mañá os detalles do acordo orzamentario pechado entre o executivo local e o BNG e que lle permitirá á cidade contar co maior orzamento da súa historia no próximo exercicio: 375 millóns de euros.
“Serán uns orzamentos progresistas porque están pensados por forzas progresistas, e porque buscarán apoiar a quen máis o precisa e mellorar a cidade en todos os seus barrios.
Uns orzamentos que se artellan sobre catro eixes centrais e irrenunciables, o da dinamización económica da cidade e a revitalización dos seus barrios, o do benestar social e a igualdade de oportunidades, o da mobilidade sostible e o da promoción da cidade e o fomento de cultura, do deporte e do turismo”, indicou Inés Rey durante a súa intervención.
A alcaldesa agradeceulle aos equipos negociadores encabezados por José Manuel Lage polo executivo local e por Francisco Jorquera polo BNG, a súa capacidade de diálogo e de chegar a puntos de encontro en beneficio da cidade.
O documento asinado por ambas as dúas partes, supón unha importante aposta polos barrios da cidade: “Impulsaremos un Plan de Mellora e Revitalización dos Barrios, desde o impulso a Xuxán, xa moi avanzado e crecendo con novas licenzas, á urbanización do Parque do Vixía en Monte Alto, barrio que tamén seguirá recibindo as inversións necesarias para finalizar o novo mercado, a nova escola infantil e a humanización da súa contorna cun proxecto de máis de 10 millóns de euros, ao que hai que engadirlle tamén a rehabilitación da Bágoa de San Roque. Peonalizaremos a rúa Sagrada Familia, impulsaremos o Plan Director do Barrio das Flores, crearemos unha nova biblioteca pública en Novo Mesoiro,
converteremos o mercado de Palavea nunha biblioteca e unha aula de informática e, por suposto, poremos en marcha a obra do centro de saúde de Santa Lucía e remataremos a reforma de Vedoría”, explicou Rey.
Ademais, o Concello seguirá a impulsar obras de humanización e mellora da cidade, actuacións que xa se puxeron en marcha durante o anterior mandato en máis de 30 rúas e prazas e que seguirá ata o 2027 con obras como a reforma de San Andrés, mais ás que se incorporan outros proxectos no orzamento do ano que vén, entre eles a peonalización dos Cantóns entre A Mariña e a praza de Mina, mellora que suporá un aporte de 7 millóns de euros de fondos municipais.
O acordo orzamentario contempla tamén a elaboración do Plan Estratéxico da Coruña 2025-2050 deseñado como unha ferramenta esencial para vertebrar o desenvolvemento económico da cidade, a redacción dun novo Plan de Mobilidade que estude todas as posibilidades que se abren coa nova concesión do bus urbano e a mellora e expansión de BiciCoruña; a posta en marcha dun ambicioso Plan de Inclusión Social así como dun específico de Saúde Mental, destinando tamén máis recursos á mellora e ampliacións das instalacións deportivas e culturais da cidade.
“Coido, en resumo, que temos chegado a un bo acordo, a un acordo que nos permitirá seguir avanzando como cidade e como sociedade seguindo a senda progresista que caracteriza as políticas dos que asinamos este documento”, indicou Rey.
O documento asinado hoxe en María Pita suporá, ademais, que os orzamentos do 2024 poidan entrar en vigor no mes de xaneiro dese mesmo ano.