Saturday 16 de November de 2024

Néboa Medio Ambiente convida á veciñanza a participar o sábado nunha xornada de limpeza da ribeira de Neda


A Asociación Néboa Medio Ambiente organiza este sábado, 25 de novembro, unha xornada de limpeza na ribeira de Neda, concretamente entre as desembocaduras dos ríos Xuvia e Basteiro. A entidade fai a chamada á participación de todas aquelas persoas que queiran axudar a retirar o lixo arrastrado tras un mes de chuvias.

A actividade busca aproveitar a tregua que está a dar a meteoroloxía para proceder a eliminar os numerosos restos, fundamentalmente madeira e plásticos, que o caudal destes ríos levou ao seu paso, tendo en conta que boa parte deste material quedou depositado na ribeira, degradando o espazo natural.

As persoas que queiran botar unha man, e implicarse nesta proposta ambiental, deberán achegarse ás 10:30 horas á contorna do albergue de peregrinos de Neda. Apuntan dende a entidade que deberán ir calzadas con botas e que as luvas serán facilitadas pola organización.